A Xunta garante a mellora do Colexio Manuel Luís Acuña de Ourense na que se vai acometer unha rehabilitación integral por un importe de 1 M€

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, explica no Parlamento que o proxecto técnico xa se atopa en supervisión

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2026

A Xunta de Galicia reitera o seu compromiso coa mellora do Colexio Manuel Luís Acuña de Ourense para o cal a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP ten programada unha rehabilitación integral cun orzamento estimado de un millón de euros, que forma parte da planificación do Plan de nova arquitectura pedagóxica para o período 2024-2028.

Así o explicou hoxe ante a Comisión 3ª do Parlamento o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, que sinalou que xa está redactado o proxecto técnico e que nestes momentos se atopa en fase de supervisión por parte da unidade de obras. Así pois, a Consellería está avanzando nesta rehabilitación integral que suporá a renovación da cuberta, das ventás, da fachada, dos falsos teitos e das luminarias deste centro que conta cuns 40 anos de antigüidade.

No que atinxe á cuberta, o representante da Consellería de Educación deu conta dunha inspección técnica na que se verificou que non existen problemas estruturais, senón que as incidencias veñen dun problema nos aliviadoiros dos canlóns, deseñados para un contexto de choivas menos intensas que as actuais, o que provoca dificultades na evacuación da auga e, como consecuencia, filtracións puntuais. Trátase, por tanto, dunha incidencia “perfectamente identificada” de mantemento que é competencia municipal. Os técnicos do Concello xa accederon á baixocuberta, aínda que a solución definitiva deberá agardar a que as condicións meteorolóxicas o permitan. Por outra parte, tamén confirmou que na actualidade non existe ningún problema operativo coa calefacción e o centro está funcionado con normalidade.

Na súa intervención, Jesús Álvarez puxo en valor o esforzo inversor realizado pola Xunta de Galicia nos últimos anos na cidade de Ourense que acada os 20 M€ con actuacións como as rehabilitacións integrais dos institutos Blanco Amor e As Lagoas e do colexio Mariñamansa, a ampliación e construción da cuberta do IES Ferro Couselo e outras actuacións de mellora no CIFP A Farixa, nos colexios Mestre Vide, José García García, e virxe de Covadonga, no IES Universidade Laboral e nos centros de Educación Especial Miño e O Pino, entre outros.

Data de actualización: 05/02/2026