Medio Rural salienta o labor do viveiro de sementes a prol da reprodución forestal en Galicia

A directora xeral de Planificación Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, visitou hoxe as súas instalacións en Carballo, onde hai anos se veñen subministrando os recursos usados nas repoboacións nos montes galegos

Carballo (A Coruña), 5 de febreiro de 2026

A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, visitou hoxe as instalacións do Centro de Sementes Forestais de Galicia (Semfor), situado en Carballo, onde salientou o seu labor a prol da reprodución forestal nos montes da nosa comunidade. Este centro é unha referencia no sector, que subministra a súa produción cun prezo público aos viveiros forestais rexistrados, ademais de destinar pequenas cantidades de semente para proxectos de rexeneración, educación forestal, investigación e divulgación.

Na primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, “cara á neutralidade carbónica”, establécese a necesidade de contar cun material forestal de reprodución de alta calidade xenética que permita ás especies forestais prosperar nun medio condicionado por factores coma o cambio climático ou as enfermidades e doenzas.

Para iso, é necesario dispor de estruturas de conservación e mellora os recursos xenéticos forestais, asegurando a súa sanidade e vitalidade. Neste sentido, o labor deste viveiro Semfor e os traballos de selección de boas mouteiras no monte permiten a mellora dos procesos que levan a garantir unha semente sa e capaz.

Data de actualización: 05/02/2026