O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración visitou o mercado municipal de Pontedeume e as novas instalacións que integran o Polo e a Cámara de Comercio en Ferrol

A Xunta pon en valor a nova etapa do Polo de Ferrol e a súa alianza estratéxica coa Cámara de Comercio da Coruña a prol do reforzo do emprendemento local

José González destacou o papel deste novo espazo na rúa María como motor de dinamización da Ferrolterra, combinando unha oferta de recursos de primeiro nivel para fomentar a actividade emprendedora e consolidar o tecido produtivo

Subliñou o impacto do Polo de Ferrol, un dos 15 distribuídos por toda Galicia, que desde a súa posta en marcha en 2022 favoreceu xa á creación de 135 empresas

Indicou que a nova ubicación e o traballo da man da Cámara de Comercio permitirá ao Polo potenciar o seu labor de acompañamento personalizado ás persoas que inician ou consolidan unha actividade por conta propia, sumando xa máis de 2.100 titorías

O conselleiro valorou o traballo da Cámara da Coruña, que acondicionou as oficinas para iniciar esta nova etapa, e celebrou a recuperación dos servizos camerais en Ferrol, froito do acordo entre Xunta, Concello, tecido empresarial e resto de cámaras galegas

Previamente, visitou a praza de abastos de Pontedeume, onde entregou a renovación do selo Mercado excelente, distintivo da Xunta que certifica a calidade e capacidade de innovación destes espazos, que tamén ostentan Vilagarcía, Tomiño e Carballo

Ferrol, 6 de febreiro de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou esta mañá as novas instalacións que integran tanto a sede da Cámara de Comercio da Coruña en Ferrol como as novas oficinas do Polo de emprendemento, que vén de iniciar unha nova etapa na cidade tras trasladar a súa sede á rúa María, 158, a través dunha alianza estratéxica coa entidade cameral.

Durante o percorrido —no que tamén participou o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey— o conselleiro puxo en valor a función deste novo espazo como motor de dinamización do tecido económico e emprendedor da Ferrolterra, destacando que a combinación dun Polo cunha Cámara de Comercio de referencia ofrece a Ferrol e á súa contorna un ecosistema estratéxico para seguir apoiando ás persoas emprendedoras e reforzar o tecido produtivo.

No que atinxe ao Polo, un dos 15 que a Xunta ten distribuídos por toda Galicia e o único situado nunha área urbana —como mostra do compromiso do Goberno galego coa cidade—, José González subliñou a súa condición de recurso clave no apoio ás persoas emprendedoras das comarcas da Coruña, Ferrol, Ortegal, Eume e Betanzos. Neste eido, salientou que desde a súa posta en marcha en 2022 leva atendidos máis de 900 proxectos, contribuíndo ademais á creación de 135 empresas. O conselleiro indicou tamén que a nova localización permitirá reforzar a presenza e visibilidade do Polo, facilitando un contacto máis próximo coa cidadanía e co tecido económico local, ao tempo que o traballo da man da Cámara de Comercio da Coruña axudará a potenciar o seu labor de acompañamento integral ás persoas que desexan iniciar ou consolidar un proxecto por conta propia. Neste sentido, destacou que o Polo ofrece apoio desde a fase inicial da idea de negocio ata a súa posta en marcha, crecemento e consolidación, fortalecendo o asesoramento técnico, piar fundamental deste servizo, que xa suma máis de 2.100 titorías personalizadas. Ademais, esta alianza permitirá avanzar en novas liñas de actuación aliñadas coas necesidades do territorio, impulsando estratexias compartidas para a dinamización do ecosistema emprendedor, cunha ampla acollida entre os axentes locais.

Cómpre salientar que o comercio, os servizos e a hostalaría son os sectores con maior presenza entre os proxectos atendidos, cunha participación destacada das mulleres, que representan o 61 % das persoas emprendedoras asesoradas no Polo.

No marco da visita, o conselleiro celebrou que a cidade veña de recuperar un valor engadido coa reactivación dos servizos camerais a través da Cámara de Comercio da Coruña, como resultado dun acordo entre Xunta, Concello de Ferrol, tecido empresarial e as cámaras de comercio galegas. Así mesmo, puxo en valor o esforzo desenvolvido pola entidade, que acondicionou as oficinas para iniciar esta nova etapa e que culminou hoxe coa inauguración do ascensor que comunica internamente as instalacións, dentro das actuacións previstas para mellorar a accesibilidade e funcionalidade.

Renovación do selo de Mercado excelente a Pontedeume

Previamente, tamén na xornada de hoxe, o conselleiro visitou a praza de abastos de Pontedeume, onde fixo entrega da renovación do selo Mercado excelente, un distintivo impulsado pola Xunta que avala a súa capacidade para adaptarse aos novos retos e que tamén posúen Vilagarcía de Arousa, Tomiño e Carballo. José González salientou que esta praza conta con esta certificación desde 2023 como mostra do bo labor desenvolvido, poñendo en valor o seu compromiso co produto local e coa calidade da atención á clientela. Así mesmo, lembrou que, co obxectivo de impulsar este tipo de espazos, permanece aberta unha nova convocatoria de axudas, dotada con preto de 2,3 M€, orientada a dinamizar e fortalecer as prazas de abastos de Galicia —máis dunha trintena na provincia da Coruña— e a promover a súa acreditación como mercados excelentes.

En paralelo, lembrou que vén de publicarse a orde que actualiza e simplifica os procedementos para a obtención e renovación deste distintivo, co obxectivo de acadar 10 prazas certificadas este ano e 25 no ano 2030.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/02/2026