A Xunta adxudica por 1,8 M€ a compra de equipamento robotizado para as unidades de rehabilitación do Servizo Galego de Saúde co fin de mellorar a atención a doentes con enfermidades raras

Os novos equipos permitirán realizar un tratamento máis adecuado á situación clínica e a mellora da capacidade funcional das persoas con enfermidades raras, incluída a ELA

Dotará de tecnoloxías innovadoras e equipamento robótico de última xeración as tres Unidades Funcionais Multidisciplinares de Enfermidades Raras e os servizos de rehabilitación de Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra

Mellórase a accesibilidade e a comodidade para o paciente e o profesional sanitario e humanízase a atención sanitaria

Esta medida enmárcase na Estratexia Galega en Enfermidades Raras 2025-2030

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2026

A Xunta de Galicia, por medio da Consellería de Sanidade, adxudicou a adquisición de diverso equipamento con destino ás unidades de rehabilitación do Servizo Galego de Saúde para a mellora da atención sanitaria a doentes con enfermidades raras, incluída a ELA, por un importe de 1.830.965,95 euros.

Incorpóranse prestacións innovadoras, incluídas máquinas robotizadas de última xeración, o que garante mellorar a accesibilidade aos recursos e maior efectividade no tratamento rehabilitador destes pacientes. Ao mesmo tempo, mellórase a comodidade para o paciente e o profesional sanitario e humanízase a atención sanitaria.

En concreto, o sistema de rehabilitación de marcha robótico foi adxudicado á empresa Bold Technologies Leading España S.L. por 1.270.076,50 euros. Mércanse sete unidades, destinadas ao Hospital Marítimo de Oza, na Coruña, ao Hospital de Conxo, en Santiago de Compostela, ao Hospital Piñor, de Ourense, ao Hospital Provincial de Pontevedra, ao Hospital Novoa Santos, en Ferrol, e para o Hospital Lucus Augusti.

Do dispositivo de rehabilitación funcional de membro superior mediante electroestimulación e electrodos multicampo, adxudícanse tres unidades a Fesia Tecnology S.L. por 76.956 euros, para o Hospital Marítimo de Oza, o Hospital de Conxo e o Hospital Público Álvaro Cunqueiro, de Vigo.

Do sistema de rehabilitación de equilibro mércanse tamén tres unidades para os mesmos centros hospitalarios de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo. Foron adxudicados por 43.523,70 euros a Neuroreha SLU.

Así mesmo, tamén se adxudican a Bold Technologies Leading España S.L., por 114.617,25 euros, tres unidades para os hospitais da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo do sistema de ondas mecano-sonoras selectivas.

Co mesmo destino, mércanse tres unidades do equipo de adestramento de membros inferiores, adxudicadas a Maquinaria Automática Comercial SL por 267.894 euros, e outras tres unidades do dispositivo de adestramento neurocognitivo para membros superiores, adxudicadas a Bold Technologies Leading España S.L. por 57.898,50 euros.

Este novo equipamento xa está a ser entregado nas áreas sanitarias e estará ao completo antes do mes de abril.

Estratexia enfermidades raras

Este proxecto enmárcase na Estratexia Galega en Enfermidades Raras 2025-2030, aprobada polo Consello da Xunta e conta con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea.

Con esta licitación, o Goberno galego amplía o equipamento dos Servizos de Rehabilitación dos hospitais que dispoñen de Unidades Funcionais Multidisciplinares de Enfermidades Raras (Complexos Hospitalarios Universitarios da Coruña, Santiago de Compostela e de Vigo).

Ademais, para garantir a accesibilidade aos recursos e mellorar a comodidade dos pacientes cunha enfermidade rara (incluído ELA), evitando un desprazamento innecesario á hora de recibir un adecuado tratamento rehabilitador, decidiuse a incorporación do sistema de rehabilitación de marcha robótico para os servizos de rehabilitación dos hospitais das catro áreas sanitarias restantes (Complexos Hospitalarios Universitarios de Ferrol, Ourense, e Pontevedra e Hospital Universitario de Lugo).

A Estratexia Galega de Enfermidades Raras 2025-2030, suporá un investimento da Xunta de 400 millóns de euros que reforzará os servizos de rehabilitación e ampliará o cribado neonatal.

Unha estratexia que se enmarca na aposta do Goberno autonómico por tratar desde a sanidade pública as enfermidades raras e mellorar a calidade de vida dos máis de 5.200 pacientes diagnosticados que hai na comunidade con algunha destas patoloxías.

Ao respecto, a Xunta creou nos últimos anos unidades específicas para enfermidades raras na Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, que xa rexistraron 5.600 consultas. Ademais, Galicia conta co cribado neonatal máis completo de España.

Data de actualización: 09/02/2026