Javier Arias participa nunha reunión de traballo cos novos directores xerais da Consellería do Medio Rural para avanzar na planificación forestal

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo esta mañá unha reunión de traballo coa nova directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro Arcos, e o novo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco Gutiérrez, co obxectivo de avanzar na planificación forestal e na prevención de incendios. Na xuntanza tamén participou a directora territorial da Consellería do Medio Rural, Olga Iglesias.

Durante o encontro analizouse a situación do actual convenio que a Consellería do Medio Rural ten con Seaga para a xestión da biomasa nas faixas secundarias, co propósito de seguir incrementando o número de concellos adheridos e mellorar a protección do territorio.

Así mesmo, revisáronse as ordes de axudas que a Xunta ten previsto convocar proximamente para apoiar ás entidades locais e outros beneficiarios nas actuacións de prevención, xestión da biomasa e ordenación forestal.

De cara a seguir mellorando a planificación e a eficacia dos traballos previos ao inicio do período de alto risco de lumes, na reunión abordáronse tamén distintas medidas para reforzar a coordinación entre as delegacións territoriais, os servizos forestais e de incendios e os distritos.

Arias puxo en valor a importancia da colaboración institucional e do traballo conxunto e coordinado dos equipos técnicos para anticiparse aos riscos, optimizar os recursos dispoñibles e reforzar a protección do monte galego.

Data de actualización: 10/02/2026