A Xunta renova a súa colaboración co Entroido de Val de Francos, en Castro de Rei, que se celebra o 17 de febreiro
O delegado territorial, Javier Arias, felicitou á Asociación Cultural Val de Francos por manter viva a tradición desta festa, que implica ás parroquias de Ansemar, Balmonte e Goberno
Lugo, 10 de febreiro de 2026
A Xunta renova un ano máis a súa colaboración co Entroido de Val de Francos, que se celebra o próximo martes 17 de febreiro no municipio de Castro de Rei.
O Museo do Castro de Viladonga acolleu hoxe a presentación da cita, coa participación do delegado territorial de Lugo, Javier Arias; membros da Asociación Cultural Val de Francos; organizadores da iniciativa; e representantes doutras entidades involucradas.
Arias felicitou á agrupación por manter vivo este Entroido, que implica ás parroquias de Ansemar, Balmonte e Goberno. O Campo do Carril de Ansemar contará cunha gran carpa para acoller as actividades.
A lectura do Sermón e a queima do Antroido son os principais atractivos que reúnen cada ano a veciños e visitantes para desfrutar desta celebración, que recupera tamén figuras tradicionais como as Madamas e os Galáns e os Fareleiros.
O programa inclúe xogos populares e outras propostas gratuítas para a mocidade -inchables, pintacaras.. - ; sorteos de produtos típicos destas datas e doutros agasallos; degustación de produtos de razas autóctonas galegas e postos de venda de filloas elaboradas por filloeiras de Muimenta.
A xornada comezará ás 16,30 horas coas actuacións de Os Valuros e Os Cantos da Valura. Ao longo da tarde haberá máis animación musical coa orquestra Panama Band e o grupo D’Cano.
Arias agradeceu á veciñanza “o seu compromiso para que esta tradición sobreviva ao paso do tempo”, e puxo este Entroido como exemplo de que “a cultura popular é unha ferramenta poderosa para crear convivencia e cohesión social”.