A calidade asistencial da Unidade de Rehabilitación cardíaca do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra recibe unha certificación pioneira nacional segundo a norma ISO 7101

Cardioloxía é o primeiro servizo de España en recibir esta acreditación, tras superar satisfactoriamente as auditorías da Asociación Española de Normalización e Certificación AENOR

Este recoñecemento de calidade referenda unha estrutura sistematizada nos aspectos de xestión da calidade na área sanitaria, así coma unha asistencia de excelencia na atención e seguimento a pacientes cardiolóxicos

O xerente do Sergas, José Ramón Parada, entrega esta Certificación ISO ao xefe de servizo de Cardioloxía do CHUP, Diego López Otero, e remarca que é a constatación dun traballo rigoroso, sistemático e comprometido coa excelencia asistencial

Pontevedra, 11 de febreiro de 2026

A Unidade de Rehabilitación Cardíaca do Servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra recibiu hoxe, en Montecelo, unha certificación pioneira nacional de calidade segundo a Norma ISO 7101, pola súa xestión integral da asistencia aos pacientes cardiolóxicos.

O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada Jorgal, acompañado do xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, participou no acto de entrega desta certificación ISO 7101 ao xefe do Servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, o doutor Diego López Otero, e ao equipo da unidade de Rehabilitación Cardíaca.

Na súa intervención no acto, o xerente do Sergas remarcou que a certificación é a constatación dun traballo rigoroso, sistemático e comprometido coa excelencia asistencial. A unidade de rehabilitación cardíaca de Pontevedra acada este recoñecemento, ademais, sendo pioneira a nivel nacional, e converténdose no primeiro servizo de Cardioloxía de España en acadar esta acreditación tras superar as auditorías externas de AENOR.

Detrás desta certificación -proseguiu o xerente- hai unha cultura organizativa baseada na calidade, na avaliación continua e na orientación ao paciente. Hai protocolos claros, procesos definidos, indicadores medibles e, sobre todo, profesionais que cren na mellora continua como parte inseparable do seu labor diario.

Desde 2021, esta unidade trata arredor de 200 pacientes ao ano, nunha área sanitaria que atende máis de 350 casos anuais de cardiopatía isquémica. Falamos, polo tanto, -dixo o doutor Parada- dun impacto real, cuantificable e directo na saúde da poboación.

A evidencia científica avala que a aplicación estruturada destes programas reduce a mortalidade entre un 20 e un 30 %, chegando ata un 43 % cando o programa se completa na súa totalidade. Isto significa menos reingresos, mellor prognóstico, máis anos de vida e, sobre todo, máis vida nos anos.

A rehabilitación cardíaca non é só exercicio físico, supón, tamén, recuperación integral, acompañamento clínico, educación sanitaria, control de factores de risco, apoio psicolóxico e reincorporación á vida laboral e social, tal e como subliñou o xerente do Sergas. E iso só é posible cun enfoque interdisciplinar como o que se desenvolve no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

Unidade cardiolóxica activa desde 2021

Desde o ano 2021, a unidade de Rehabilitación Cardíaca de Pontevedra trata cada ano a preto de 200 pacientes afectados con certas patoloxías cardiolóxicas.

Cunha área de actividade rehabilitadora emprazada no cuarto andar do hospital Montecelo, atende coa coordinación interdisciplinar dos servizos de Cardioloxía e de Medicina Física e Rehabilitación do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés, que achegan os programas asistenciais e coordinan a actividade dun cadro profesional conformado por facultativos de cardioloxía, rehabilitación, técnicos de fisioterapia e efectivos de enfermería.

Segundo sinala o xefe de servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, o doutor Diego López Otero “a recuperación da normalidade na vida diaria pasa por superar tanto as secuelas físicas como as psicolóxicas de calquera doenza, implementando pautas de actuación e hábitos saudables que reduzan os seus factores de risco. Cuestións coma a reincorporación laboral, o exercicio físico, a alimentación ou as relacións son problemas comúns aos que as persoas enfróntanse tras padecer un evento de saúde crítico. Superalo é o principal obxectivo de calquera programa rehabilitador, e nesta nova unidade de rehabilitación cardíaca en Pontevedra será posible”.

 

350 casos anuais de cardiopatías isquémicas de baixo risco

Así mesmo, o coordinador da Unidade de Rehabilitación Cardíaca do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, o doutor Diego Fernández sinalou que “na Área Sanitaria atendemos máis de 350 casos anuais de cardiopatías isquémicas,  polo que a aportación da nosa unidade de Rehabilitación Cardíaca no Hospital Montecelo sen dúbida incrementa a calidade de vida dos nosos enfermos e colabora a mellorar os prognósticos”.

 

Para efectuar este labor asistencial na unidade de Rehabilitación Cardíaca do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés cóntase co traballo coordinado con rehabilitación, enfermería e fisioterapia, que aportan técnicas multidisciplinares que inciden nas pautas de control dos factores de risco e no adestramento físico dos pacientes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/02/2026