O conselleiro de Sanidade, acompañado da delegada territorial da Xunta na Coruña, interveu no acto de entrega da XXXI edición do Premio Rafael Hervada á investigación biomédica a César de la Fuente
Gómez Caamaño destaca a aposta de Galicia pola investigación sanitaria con 80 M€ orzamentados para a procura de respostas de saúde innovadoras
Incide en que Galicia conta cun Plan estratéxico de transformación e saúde dixital, que ten como obxectivo modernizar o sistema sanitario público galego grazas a unha xestión intelixente dos datos
Pon en valor os programas de monitorización de doenzas crónicas ou de mellora do diagnóstico e seguimento de enfermidades raras, que supoñen un salto de calidade cara a unha asistencia sanitaria centrada no benestar do paciente
Remarca a integración dos tres institutos de investigación sanitaria no sector público, o que reflicte a aposta da Xunta por esta materia
Do investigador premiado nesta edición, César de la Fuente, o conselleiro destaca que é un dos máis innovadores da súa xeración
A Coruña, 11 de febreiro de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou esta tarde a aposta da Xunta de Galicia pola investigación sanitaria, con 80 millóns de euros consignados nos orzamentos destinados á procura de respostas de saúde innovadoras.
O titular da carteira sanitaria, acompañado da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, interveu no acto de entrega da XXXI edición do Premio Rafael Hervada á investigación biomédica, que este ano recaeu no investigador César de la Fuente.
Neste evento, Gómez Caamaño incidiu en que Galicia conta cun Plan estratéxico de transformación e saúde dixital, que ten como obxectivo modernizar o sistema sanitario público galego grazas a unha xestión intelixente dos datos.
O conselleiro puxo en valor os programas de monitorización remota de doenzas crónicas ou de mellora do diagnóstico e seguimento de enfermidades raras, que supoñen un salto de calidade incuestionable cara a unha asistencia sanitaria centrada no benestar do paciente.
Aposta da Xunta pola investigación sanitaria
Tamén remarcou Gómez Caamaño a integración dos tres institutos de investigación sanitaria no sector público, o que reflicte a aposta da Xunta neste eido, que se veu reforzada coa creación, de xeito pioneiro, da categoría profesional estatutaria de persoal investigador sanitario.
A creación desta categoría é para o conselleiro de especial relevancia, xa que os tres institutos coordinan o traballo das universidades galegas co dos centros asistenciais do Sergas, xerando sinerxías que fan que se aproveite esta actividade tanto nos hospitais como nas universidades, posibilitando unha formación académica de alto nivel.
O responsable sanitario sinalou que hai uns días arrancou unha nova fase do proxecto Xenoma Galicia, iniciativa que puxo como exemplo de todo o potencial que hai en Galicia.
Do premiado nesta edición, César de la Fuente, o conselleiro dixo que é un dos investigadores máis innovadores da súa xeración no ámbito da bioloxía computacional, a bioenxeñaría e a investigación de novos antibióticos.
Tamén tivo palabras de recoñecemento para a Fundación do Hospital San Rafael, pola súa aposta pola investigación sanitaria, e recordou que a introdución de novas tecnoloxías e o uso da intelixencia artificial supón que os xestores sanitarios poden ser máis eficientes, gañando tempo para atender ao paciente dun xeito máis próximo e áxil.