A Xunta destaca a importancia da colaboración entre entidades para o fortalecemento da galeguidade nos Estados Unidos

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou a Casa de Galicia en Nova York, onde mantivo unha reunión de traballo con responsables de entidades galegas 

Nova York (Estados Unidos), 12 de febreiro de 2026

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo unha reunión de traballo cos responsables das entidades galegas de Nova York e Newark co obxectivo de afondar na situación actual da colectividade e coordinar liñas de colaboración de cara ao futuro. O encontro —que tivo lugar na Casa de Galicia en Nova York, en compañía do seu presidente, José Gil— serviu así para reforzar os vínculos entre a Xunta e os galegos asentados nesta área estratéxica dos Estados Unidos, nun clima de diálogo, proximidade e compromiso compartido.

Durante a xuntanza, Miranda puxo en valor o papel que desenvolven estas entidades como puntos de referencia social, cultural e identitaria para a comunidade galega no exterior, destacando o esforzo das súas directivas e persoas asociadas por manter viva a lingua, a cultura e as tradicións galegas lonxe da terra. O secretario xeral subliñou tamén a importancia do traballo conxunto entre as distintas entidades de Nova York e Newark para fortalecer a súa actividade e garantir a remuda xeracional.

Miranda reiterou o apoio da Xunta de Galicia ás iniciativas culturais e sociais que promoven a galeguidade nos Estados Unidos, salientando que encontros coma este permiten coñecer de primeira man as necesidades da colectividade e seguir avanzando nunha política de acompañamento activo ás comunidades galegas no exterior.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/02/2026