Arias felicita ao equipo de investigación de ‘Minerais contra o cancro’, que expuxo hoxe no Hula as primeiras conclusións

Lugo, 12 de febreiro de 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, felicitou ao equipo de investigación do proxecto “Minerais contra o cancro”, que hoxe expuxo no Hula as primeiras conclusións. Os relatores foron Marta López Alonso, coordinadora do proxecto pola Universidade de Santiago de Compostela; Rafael Monte Secades, coordinador do proxecto polo hospital lucense, e Inés Rivas Fernández, autora dunha tese doutoral baseada no estudo.

A iniciativa contou co apoio da Xunta de Galicia e implicou tamén a numerosas entidades e empresas, e mesmo a persoas a título individual a través do micromecenado ou como suxeitos de estudo. Arredor de 500 persoas adultas sans da provincia de Lugo  sometéronse a enquisas epidemiolóxicas e nutricionais e análise de sangue para coñecer   a presencia de microminerais esenciais -como ferro, zinc, iodo ou selenio- e elementos tóxicos -como mercurio, chumbo ou cadmio- empregando técnicas analíticas de alta precisión.

Os resultados obtidos na primeira fase reforzan a idea de que o estado dos microminerais pode xogar un papel relevante en distintos procesos de enfermidade. A partir de aquí, o equipo investigador está a desenvolver proxectos centrados na relación entre o estado dos microminerais, o microbioma e determinados tipos de cancro, coa finalidade de comprender mellor como estes factores interactúan na aparición, progresión da enfermidade e na resposta aos tratamentos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/02/2026