Román Rodríguez eloxia o alto nivel do alumnado no certame de sumillería do CIFP Carlos Oroza
Os gañadores desta edición pertencen ao Centro Integrado de FP Hostalería e Turismo de Xixón, ao Centro Integrado de Formación Profesional Hostalería e Turismo de Cartaxena e ao propio Centro Integrado de FP Carlos Oroza, organizador do certame
Pontevedra, 12 de febreiro de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, asistiu hoxe á final da XII edición do certame de sumillería organizado polo Centro Integrado de FP Carlos Oroza de Pontevedra. O campionato, que desde o pasado ano se celebra baixo a denominación SOMM Talent FP, consolidouse como unha cita de referencia no calendario das escolas de hostalería, reunindo nesta edición a 18 centros educativos de Galicia, do resto de España e de Portugal. A competición recoñece o talento dos mellores estudantes de sumillería e pon en valor a excelencia da Formación Profesional no ámbito da hostalería.
Durante o acto, Román Rodríguez, que estivo acompañado polo delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e pola directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, destacou o alto nivel do alumnado que participa neste certame e felicitou a todos os estudantes polo seu traballo e profesionalidade. Así mesmo, salientou o esforzo organizativo e o compromiso do CIFP Carlos Oroza, que cada ano impulsa este certame como plataforma de aprendizaxe, intercambio e proxección do alumnado e subliñou que iniciativas como esta evidencian o alto nivel da FP.
Nesta XII edición, o primeiro premio foi para Borja Morgado Blanco, alumno do Centro Integrado de FP Hostalería e Turismo de Xixón; o segundo recaeu en Pedro Conesa Martínez, do Centro Integrado de Formación Profesional Hostalería e Turismo de Cartaxena, e o terceiro foi para Elías Casás Casal, do Centro Integrado de FP Carlos Oroza.