O conselleiro de Sanidade, xunto co xerente do Sergas e o director xeral de Asistencia Sanitaria, reuniuse cos xerentes das áreas sanitarias para avaliar o impacto da folga nacional contra a reforma do Estatuto Marco promovida polo Goberno central

A Xunta lamenta a pasividade da ministra de Sanidade ante a folga contra o Estatuto Marco, que en dous días xa paralizou 380 cirurxías en Galicia

Gómez Caamaño remarca que a actividade afectada pola folga médica nos dous primeiros días supuxo a suspensión de case 380 cirurxías, 7.550 consultas hospitalarias e 6.550 consultas de atención primaria

En total, entre este luns e martes xa se suspenderon case 14.500 actos médicos

O Servizo Galego de Saúde realizará a reorganización asistencial necesaria para reprogramar a actividade suspendida o antes posible

Fronte á falta de negociación do Ministerio de Sanidade, a Xunta puxo en marcha dous grupos de traballo centrados nos recursos humanos e no ámbito asistencial para mellorar a atención primaria e axustar os tempos e o número de consultas

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2026

A Xunta reclámalle ao Ministerio de Sanidade que retome o diálogo sobre o Estatuto Marco para acabar cunha folga médica nacional convocada durante unha semana ao mes ata o verán. Tal e como informou hoxe o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, entre este luns e martes, xa se paralizaron preto de 380 cirurxías en Galicia.

O titular da carteira sanitaria da Xunta, acompañado do xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, e do director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Alfredo Silva, mantivo un encontro de traballo cos xerentes das áreas sanitarias para avaliar o impacto da folga nacional contra a reforma do Estatuto Marco promovida polo Goberno central.

Ao remate da xuntanza, Gómez Caamaño trasladou os datos de actividade afectada pola folga reportados polos xerentes das sete áreas sanitarias galegas. En concreto, dous días de paro médico supuxo a suspensión de 379 cirurxías, 7.552 consultas hospitalarias e 6.555 consultas de atención primaria.

En total nestes dous días foron preto de 14.500 procesos asistenciais, unhas cifras que se elevan a máis de 15.000 procesos se se teñen en conta as probas non realizadas e que amosan o impacto que a folga pode supoñer en tempos de espera para os pacientes.

O conselleiro de Sanidade referiuse ao seguimento da folga que este mércores acadou case o 18 %, un punto máis que o luns, tendo en conta que os datos do martes non son comparables xa que foi festivo nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense e Santiago de Compostela.

Sobre a mellora da sanidade pública, Gómez Caamaño reiterou a vontade permanente da Xunta de negociar e puxo en valor os dous grupos de traballo que se crean para reformar a atención primaria antes do verán cun modelo de atención de calidade para pacientes e profesionais.

Fronte á falta de diálogo co colectivo médico por parte do Ministerio, a Consellería de Sanidade comprometeuse cos sindicatos da mesa sectorial a abordar incrementos retributivos para persoal de urxencias hospitalarias e de puntos de atención continuada, ademais de debater melloras para adaptar os tempos e o número de consultas de atención primaria e reforzar o papel da xefatura de servizo dos centros de saúde.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/02/2026