A Consellería de Sanidade acolleu esta mañá o acto de presentación do proxecto REHEAL

A Xunta presenta a consulta preliminar ao mercado do proxecto europeo REHEAL, que investirá 3,5 M€ na busca de solucións innovadoras para reducir o impacto ambiental dos subministros sanitarios

Enmarcado no programa Horizon Europe, o proxecto REHEAL está liderado pola Universidade de Edimburgo e conta cun orzamento total de 7,3 millóns de euros

O obxectivo desta iniciativa comunitaria é fomentar a participación de empresas e axentes innovadores para buscar solucións que se poidan empregar no sistema sanitario público co fin de fomentar a reciclaxe, a eficiencia e a sostibilidade

A área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos testará as solucións innovadoras que se consigan neste mercado preliminar co fin de estendelas posteriormente ao resto de áreas

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, clausurou esta mañá o acto de consulta preliminar ao mercado de compra pública innovadora do proxecto REHEAL, no que se investirán 3,5 M€ na procura de solucións innovadoras para reducir o impacto ambiental dos subministros sanitarios.

O titular de Sanidade salientou o compromiso da Xunta por acadar un sistema máis sostible e eficiente e apuntou que o Executivo seguirá a apostar por políticas públicas cunha visión integral do benestar que creen unha simbiose entre o ecolóxico e o sanitario, procurando un sistema sanitario máis verde.

Durante a súa intervención, Gómez Caamaño remarcou que Galicia xa é un referente a nivel europeo no que atinxe á compra de solucións innovadoras no ámbito sanitario, atendendo tanto ás necesidades dos seus usuarios como dos seus profesionais.

Acompañado polo xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, do xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, Antonio Fernández-Campa, e do xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, o conselleiro precisou que todas as solucións que se consigan neste mercado preliminar serán testadas pola área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos para, posteriormente, estendelas ao resto de áreas.

As solucións innovadoras que se consigan tamén serán probadas no resto de organizacións sanitarias dos países socios que participan no proxecto REHEAL, coa posibilidade de poder ser replicadas despois, se se demostra a súa efectividade, a outros sistemas sanitarios de Europa.

Enmarcado no Programa Horizon Europe, o proxecto REHEAL está liderado pola Universidade de Edimburgo e conta coa participación de 7 entidades europeas de diversos ámbitos. Dispón dun orzamento total de 7,3 millóns de euros e unha duración de 4 anos. Máis concretamente, a Universidade de Edimburgo coordinara o proxecto e ten como socios, ademais do Servizo Galego de Saúde e a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, o Servizo Nacional de Escocia (NSS), o Goberno Escocés (Reino Unido), a rexión de Hovedstaden (Dinamarca), a Fundación Clúster de Ciencias da Vida Cracovia – KLSK (Polonia), o Hospital MITERA (Grecia), e o consorcio europeo EIT Digital.

A través desta iniciativa deseñaranse solucións informáticas innovadoras que permitan optimizar as cadeas de subministración sanitaria, beneficiando aos sete socios europeos que participan no proxecto e que representan 261 hospitais, preto de 300.000 profesionais e 17 millóns de cidadáns.

REHEAL, un proxecto a prol dunha Europa máis verde

O obxectivo principal do proxecto REHEAl é facilitar a adquisición sostible, o reacondicionamento, a reciclaxe e a recuperación de recursos nos sistemas sanitarios, mediante ferramentas dixitais e o despregamento dunha estratexia de contratación pública de innovación.

As consultas preliminares ao mercado son un mecanismo mediante o que as entidades sanitarias e os responsables da toma de decisións poden interactuar cos provedores de solucións innovadoras antes de lanzar unha licitación ou un proceso formal de adquisición.

Este tipo de procesos permiten unha comunicación bidireccional, na que os provedores poden presentar as súas propostas e as entidades sanitarias poden expresar as súas necesidades e requirimentos específicos. Esta medida, permite que se adopten modelos orientados á economía circular para poder mellorar a xestión de produtos e materiais mellorando o medio ambiente en consonancia cos obxectivos do Pacto Verde da UE.

O proxecto REHEAL combinará coñecementos sanitarios e tecnolóxicos de vangarda con acceso a Living Labs e instalacións seguras de datos sanitarios para poder probar e testar na vida real as solucións e outras innovacións que desenvolva o proxecto.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/02/2026