A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia convoca novos cursos para obter a certificación galega de competencias dixitais

Ofrece dous plans formativos en liña e titorizados para obter o Comdix no nivel de iniciación

As inscricións poden realizarse desde mañá, xoves 19 de febreiro, a través da Rede CeMIT

A certificación Comdix acredita o nivel de competencia das persoas na utilización das tecnoloxías dixitais no eido persoal, social e profesional

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2026

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) publica hoxe no DOG unha nova convocatoria de cursos titorizados en liña para obter a certificación galega de competencias dixitais (Comdix), no nivel de iniciación, que se impartirán durante o primeiro semestre de 2026, a través da rede CeMiT.

As accións formativas están dirixidas a persoas maiores de 16 anos que desexen mellorar as súas competencias dixitais ou iniciar o itinerario oficial para obter o Comdix– iniciación.

A inscrición deberá realizarse a través da páxina web da rede Cemit nun prazo de dez días naturais desde mañá, xoves 19 de febreiro. Para poder participar é preciso darse de alta como persoa usuaria da Rede CeMIT. A participación é totalmente gratuíta, xa que a matricula está exenta de taxas. No caso de que o número de solicitudes supere as prazas dispoñibles, a selección realizarase mediante un sorteo público informatizado.

Dous plans formativos

A convocatoria estrutúrase en dous plans formativos excluíntes, un itinerario completo ou cursos independentes, polo que cada persoa solicitante deberá escoller unha única opción, sen posibilidade de inscribirse simultaneamente en ambas.

O plan formativo de itinerario completo está dirixido a quen desexe realizar o programa íntegro de 250 horas que dá acceso directo á certificación oficial. Conta con 150 prazas e desenvolverase entre o 16 de marzo e o 29 de xuño de 2026. O alumnado avanzará polos sete bloques temáticos de forma consecutiva e, unha vez superados, recibirá o diploma de aproveitamento e a certificación Comdix – iniciación emitida de oficio pola Amtega-.

O plan formativo de cursos individuais está pensado para aquelas persoas que xa teñen realizado algún destes cursos e queren completar o itinerario completo de 250 horas, ou para aquelas que queren formarse paso a paso adaptándose aos seus tempos e necesidades. Inclúe os sete bloques temáticos do itinerario, convocados como cursos autónomos con 60 prazas cada un, agás o curso inicial Empezamos, de matrícula libre. Pódese solicitar praza en varios destes cursos individuais e cada curso superado dará dereito ao seu diploma de aproveitamento correspondente, válido para a obtención da certificación unha vez completado todo o itinerario formativo.

Data de actualización: 18/02/2026