A Xunta realiza labores de conservación fluvial de xeito inmediato en 3,3 quilómetros nos ríos Belelle e Basteiro, en Neda, ante o impacto dos temporais
As tarefas que realiza Augas de Galicia están motivadas pola existencia de incidencias relacionadas con árbores caídas na canle e pola acumulación de biomasa nas marxes
Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2026
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e mantemento fluvial de xeito inmediato en máis de 3,3 quilómetros nos ríos Belelle e Basteiro, no Concello de Neda, ante o impacto dos temporais.
As actuacións realizaranse nos tramos interurbanos destes ríos e están motivadas pola existencia de incidencias relacionadas con árbores caídas na canle e pola acumulación de biomasa nas marxes, que son consecuencia das condicións meteorolóxicas adversas dos últimos días.
Estes traballos acométense con celeridade xa que os obstáculos existentes dificultan a normal circulación dos caudais e faise precisa a súa retirada inmediata ante o posible aumento de niveis nunha zona catalogada como área con alto risco potencial significativo de inundación (Arpsi).
As tarefas, que xa foron comunicadas ao concello, desenvolveranse en 2,9 quilómetros do río Belelle e en algo máis de 400 metros do Basteiro, ambos na parroquia de Santa María de Neda.
Os traballos, que se prolongarán durante 6 xornadas, consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente na canle fluvial que causan atoamentos. As actuacións realizaranse coa aplicación de motoserras e outras ferramentas manuais, que contarán co apoio de maquinaria de maiores dimensións como un tractor.
Unha vez finalizadas as obras, estes tramos fluviais quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das augas.