A Xunta destinou 46.000 euros a varias actuacións de mellora no complexo residencial xuvenil LUG I e no albergue LUG II

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, explican que o Goberno galego executa obras periodicamente nestes centros, que ofrecen prazas residenciais, campamentos e outras actividades

Lugo,  18 de febreiro de 2026

A Xunta ven de investir 46.000 euros nas últimas melloras executadas no complexo residencial xuvenil LUG I e no albergue LUG II, situados na rúa Pintor Corredoira da capital lucense.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, visitaron hoxe ambos edificios para comprobar as actuacións realizadas. Segundo explicaron, os principais investimentos leváronse a cabo no inmoble que acolle o LUG II, onde se renovou o chan de varios cuartos e das zonas comúns. Tamén se pintaron paredes, teitos e a escaleira principal.

No caso da residencia LUG I, a intervención centrouse na adquisición de novo equipamento para a cociña. Este centro conta con 75 prazas e dispón de comedor, aula de informática con internet, biblioteca, salas de estudo e salón de actos, entre outros servizos.

Ambos responsables autonómicos lembraron que a Xunta leva a cabo de forma periódica obras de mellora e modernización en ambos edificios para mantelos nas mellores condicións de uso.

Entre as actividades que acollen estas instalacións, tamén destacan os campamentos xuvenís promovidos pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en Semana Santa ou no verán; e outros que se desenvolven ao longo do ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/02/2026