Durante a celebración do 38º Congreso Nacional de OPC España no que participan case 300 operadores de toda España

A Xunta preséntalle ao sector nacional de organización de congresos o seu plan para atraer acontecementos no Xacobeo 2027

O director de Turismo de Galicia expuxo as liñas do Plan Director de Patrocinios do Xacobeo 2027 e a estratexia para consolidar Galicia como destino MICE internacional

Córdoba, 19 de febreiro de 2026

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentou esta mañá o plan de incentivos no que está a traballar o Goberno galego para captar congresos, convencións e encontros profesionais no marco do Xacobeo 2027, co obxectivo de aproveitar a proxección internacional desta celebración como unha oportunidade estratéxica para reforzar o posicionamento de Galicia no turismo MICE, que engloba reunións, congresos e eventos.

Xosé Merelles participou no 38º Congreso Nacional da Organización Profesional de Congresos (OPC) que tivo lugar no Palacio de Congresos e Exposicións de Córdoba, un foro no que están a participar 270 operadores de toda España e que puxo o foco na innovación como factor clave para a competitividade turística e no que Galicia compartiu a súa folla de ruta para atraer eventos de alto impacto.

Durante a súa intervención, o director de Turismo de Galicia presentou o Plan Director de Patrocinios do Xacobeo 2027, concibido para ordenar e estruturar a colaboración público-privada e achegar seguridade xurídica á programación. Lembrou que a Xunta ten aberta a convocatoria para seleccionar proxectos e eventos de gran impacto que poidan integrarse na programación oficial, incluíndo iniciativas preparatorias previstas para 2026 e outras que, pola súa continuidade, poidan estender o seu impacto tamén durante 2028.

Estas propostas, segundo indicou ou director de Turismo de Galicia, poden abranguer actuacións musicais e artísticas, divulgación, exposicións e edición, patrimonio material e inmaterial, turismo e eventos singulares de proxección internacional, deporte e vida saudable, así como innovación, ciencia, tecnoloxía e creatividade.

Pero ademais, Xosé Merelles adiantou que desde a Xunta “estamos traballando en novas vías de colaboración co sector da organización de congresos e convencións”, engadindo que unha desas liñas pode ser a convocatoria de axudas dirixidas explicitamente a este ámbito da actividade turística. “Queremos converter 2027 nun punto de inflexión definitivo para o turismo MICE galego”, afirmou.

Neste sentido, apelou ao valor engadido de celebrar congresos en Galicia durante o Xacobeo: unha experiencia dual para os asistentes na medida en que se aúnan obxectivos profesionais e vivencia dun fenómeno cultural recoñecido pola UNESCO e unha maior visibilidade internacional asociada ao impacto mediático do Xacobeo 2027. Ao tempo, destacou as vantaxes do destino en sustentabilidade (proximidade de servizos, produto local e certificacións ambientais) e o reforzo da marca Galicia Calidade como selo de identidade e excelencia tamén aplicable á experiencia turística.

Incidiu en que o Xacobeo 2027 ofrece unha oportunidade singular para atraer congresos internacionais vinculados a ámbitos como o turismo sostible, o patrimonio cultural, a innovación social, a espiritualidade, o desenvolvemento rural ou a ciencia e tecnoloxía.

Fortalezas do destino Galicia

Xosé Merelles puxo o acento na capacidade actual do destino para competir no mercado MICE, grazas á mellora de infraestruturas, á ampliación da capacidade hoteleira e á profesionalización do ecosistema de servizos (cátering, audiovisuais, organización de eventos, etc.) “Galicia conta con máis de 4.000 establecementos de aloxamento, dos que máis de 140 son hoteis de 4 e 5 estrelas, ademais dunha oferta complementaria singular con espazos históricos, pazos, mosteiros e contornas termais”, afirmou..

A isto súmanse instalacións e recintos versátiles como o Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago, a Cidade da Cultura, o Auditorio Mar de Vigo ou o Palexco da Coruña, así como equipamentos e espazos en Lugo, Ourense, Pontevedra e Ferrol. En termos de accesibilidade, Galicia dispón de conexións aéreas a través de tres aeroportos e dunha rede ferroviaria que conecta con Madrid en arredor de tres horas.

Un segmento de alto valor engadido

O director de Turismo de Galicia destacou que o turismo de reunións representa, con carácter xeral, o 1,2% do gasto turístico total na comunidade, e “é o segmento con maior gasto medio diario: algo máis de 200 euros por persoa e día, fronte á media global de 59 euros.” Ademais, máis do 75% das persoas asistentes a congresos alóxanse en hoteis e máis do 85% proceden doutras comunidades autónomas, o que evidencia o seu forte compoñente captador de demanda nacional. No relativo á mobilidade, arredor do 40% chega en avión, un terzo en vehículo privado e preto dun 15% en tren.

Xosé Merelles subliñou que a aposta polo turismo MICE responde a unha planificación orientada á desestacionalización e á xeración de actividade económica durante todo o ano. Neste sentido, lembrou que “a Estratexia de Turismo de Galicia 2030 incorpora esta liña como un eixo fundamental para diversificar a oferta e reducir a estacionalidade”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/02/2026