A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, interveu hoxe no Foro Anfac `O momento de Europa´
A Xunta ve con escepticismo e preocupación o novo Plan Auto 2030 do Goberno
Lorenzana asegura que non contén medidas concretas que beneficien a industria da automoción en España e en Galicia, nin aclara como se vai financiar e gobernar
Censura que “reincide en erros xa vistos nos últimos anos” por parte do Goberno, ao non contar coas comunidades autónomas
Lamenta a falta de coherencia e coordinación real entre a política industrial e enerxética do Goberno
Madrid, 19 de febreiro de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, amosou hoxe o seu escepticismo e preocupación polo novo Plan Auto 2030 do Goberno porque, segundo dixo, non contén medidas concretas que se poidan realizar e que poidan axudar a industria da automoción en España e en Galicia, como a necesidade de reforzar a cadea de valor no territorio, as redes de transporte de enerxía adecuadas ou a formación do persoal.
Lorenzana interveu hoxe en Madrid no Foro Anfac O momento de Europa, na mesa coloquio Visión España: a importancia de ter un plan estratéxico para a industria, onde censurou, tamén, que o plan “reincide en erros xa vistos nos últimos anos” por parte do Goberno, ao non contar coas comunidades autónomas, que son as que teñen as competencias exclusivas en materia de industria.
“Un plan estratéxico sen contar coas administracións que temos as competencias, sen gobernanza e sen financiamento detallado xera incerteza”, reiterou, para destacar que os grandes riscos para Galicia e para España non están só na electrificación, senón no elevado prezo da enerxía; nas redes eléctricas, que son insuficientes para os obxectivos do PNIEC; no absentismo e a baixa produtividade; na elevada presión fiscal; e na rixidez normativa e a lentitude administrativa. Todas elas, cuestións que apenas se tratan no plan e, se o fan -dixo-, é “de pasada, sen novas medidas que afronten estes problemas”.
A conselleira indicou que, desde o inicio, a Xunta manifestou as súa preocupación en relación ao papel secundario que se lle deu ás comunidades autónomas e na limitada participación do ecosistema industrial, pero apuntou que as súas achegas non foron tidas en conta.
Falta de coherencia entre política industrial e enerxética
Segundo afirmou, a situación actual que atravesa a industria da automoción require medidas urxentes como un marco regulamentario claro e estable para que a competencia sexa equilibrada, custos enerxéticos predicibles e persoal cualificado. Todos estes factores, engadiu, afectan á competitividade das empresas. “Galicia defende un sector forte, competitivo e arraigado no territorio. A transición cara a un vehículo eléctrico -dixo-, só será unha oportunidade se reforza a nosa industria e a nosa capacidade produtiva e, para logralo, necesitamos coherencia entre política enerxética e industrial”.
Ao respecto, Lorenzana lembrou a necesidade de que exista maior sincronización entre os ministerios de Industria e Transición Ecolóxica, e unha maior influencia das comunidades autónomas na toma de decisións.
Nese sentido, fixo fincapé na necesidade de que a industria dispoña de redes eléctricas dimensionadas de acordo á electrificación, prazos administrativos compatibles cos plans de investimento, e estabilidade regulamentaria a medio e longo prazo, que é o que está tratando de ofrecer Galicia. “Se os custos enerxéticos son máis elevados, e os procesos administrativos máis lentos, a competencia deixa de ser equilibrada”, concluíu.