A consellería de Sanidade organiza esta fin de semana dúas novas xornadas extraordinarias para participar no ensaio clínico Sincigal sobre a vacina contra o VRS

Durante esta fin de semana, as persoas que desexen participar no estudo poderán acudir, sen cita, aos hospitais da rede sanitaria pública galega

Durante todo o mes de febreiro continuarán abertos os puntos habilitados de luns a venres nos hospitais e centros de saúde participantes

Este ensaio clínico avalía a redución de ingresos en adultos grazas á vacina fronte ao virus respiratorio sincitial, que xa está autorizada polas autoridades sanitarias

Ata o de agora xa colaboraron no estudo case 49.144 persoas

Os interesados en participar no estudo Sincigal teñen á súa disposición o teléfono gratuíto 900 842 217 para resolver dúbidas

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2026

A Xunta, a través da Consellería de Sanidade e a Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, organiza esta fin de semana dúas novas xornadas extraordinarias para participar no ensaio clínico Sincigal, que avalía a redución de ingresos en adultos grazas á vacina fronte ao virus respiratorio sincitial.

Así, esta fin de semana o departamento sanitario da Xunta habilitará de forma extraordinaria os 14 hospitais públicos galegos para facilitar a participación neste ensaio clínico Sincigal, no cal xa colaboraron en total 49.144 persoas.

Aumento da accesibilidade

As xornadas do sábado e do domingo serán a derradeira oportunidade para que calquera persoa maior de 18 anos que desexe participar no ensaio o poida facer acudindo, sen cita previa, aos puntos habilitados no conxunto dos hospitais galego, en horario de mañá e tarde (de 10:00h-14:00h e de 16:00h-20:00h).

Centro hospitalario

Punto de participación

Hospital Universitario da Coruña

Na 4ª planta, consultas externas

Hospital Virxe da Xunqueira

Consultas externas

Hospital Arquitecto Marcide

Laboratorio

Hospital da Público da Mariña

Punto vacinación

Hospital Lucus Augusti (HULA)

Na 4ª planta

Hospital Público de Monforte de Lemos

Planta baixa entrada zona aparcadoiro

Hospital do Barco de Valdeorras

Biblioteca

Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO)

Planta 0 do Novo Edificio de hospitalización

Hospital Público de Verín

Salón de actos

Hospital de día do Hospital Provincial de Pontevedra

(Entrada por Consultas Externas, parte traseira do hospital)

Hospital Público do Salnés

Planta -1 Consulta Medicina Preventiva

Hospital do Barbanza

Salón de actos

Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela

Sala de toma de mostras (andar -3)

Hospital Álvaro Cunqueiro

Planta 0, zona de docencia

Ademais, durante todo o mes de febreiro continuarán abertos os puntos habilitados de luns a venres nos hospitais e centros de saúde participantes.

As persoas interesadas en participar neste estudo teñen á súa disposición o teléfono gratuíto 900 842 217 e a web do proxecto sincigal.com para resolver dúbidas.

A Consellería de Sanidade e a Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago buscan evidencia científica que sirva para valorar a eficiencia da vacina fronte ao virus respiratorio sincitial en adultos, como xa se logrou co estudo Galflu, que serviu para incluír na sanidade pública a vacina de alta carga fronte á gripe para maiores de 70 anos.

Data de actualización: 20/02/2026