Preto de 3.300 docentes poden cambiar de destino o curso que vén a través do concurso de traslados

A Xunta vén de publicar a resolución provisional deste procedemento, no que deben tomar parte os docentes en prácticas e sen destino definitivo

Tamén poden participar nel os funcionarios que queren mudar de posto, que poden decidir agora se aceptan ou non o novo que lles foi adxudicado

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2026

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP publica hoxe a resolución provisional do concurso de traslados, a través do que preto de 3.300 docentes poden cambiar de destino o curso que vén. En concreto, adxudicáronse novos postos a 1.431 mestres de Infantil e Primaria e 1.857 de Secundaria e outras ensinanzas.

O concurso faise todos os anos alternando dous formatos, de tal forma que un ano pode cambiar de destino o profesorado só dentro de Galicia e o outro pode cambiar entre comunidades autónomas. Este ano o procedemento ten só carácter autonómico.

Deben participar neste proceso, de xeito obrigatorio, os docentes que están en prácticas tras aprobar a oposición, así como aqueles que non teñen destino definitivo. Ademais, de forma voluntaria, poden tomar parte aqueles docentes que, tendo destino definitivo, desexan mudar de posto (por motivos familiares, por un cambio de residencia...). Neste último caso é voluntaria tamén a aceptación do posto que se lles adxudica de forma provisional no concurso, podendo permanecer no seu destino actual.

O reparto do resto de prazas docentes de cara ao curso que vén –descontando os ocupados por funcionarios de carreira con destino definitivo– decidirase a través do concurso de adxudicación de destinos provisionais, que se celebra tras as oposicións do verán. Nel están obrigados a participar todas as persoas que obteñan praza neste proceso selectivos, así como os interinos e os funcionarios de carreira que non teñen destino definitivo.

Data de actualización: 20/02/2026