A Xunta inicia a construción do novo centro de saúde de Muíños no que investirá 1,3 millóns de euros
Os traballos botaron a andar malia climatoloxía adversa e xa se completaron as tarefas críticas vinculadas á cimentación da nova infraestrutura sanitaria
Muíños (Ourense), 20 de febreiro de 2026
A Xunta vén de iniciar as obras do novo centro de saúde de Muíños, no que vai investir 1,3 millóns de euros. Os traballos deron comezo co movemento de terras e baleirado do solar que acollerá o inmoble, así como coa montaxe do guindastre de obra necesario.
Malia a climatoloxía adversa dos meses de xaneiro e febreiro, os profesionais puideron completar as tarefas críticas vinculadas á cimentación do novo centro de saúde.
Xa se instalaron os contedores necesarios, segundo o plan previsto, e nos vindeiros días comezarán os traballos da estrutura do edificio e instalarase xa unha parte da súa rede de saneamento.
Un novo centro de saúde accesible e moderno
A nova infraestrutura sanitaria é posible grazas á colaboración entre a Consellería de Sanidade e o Concello de Muíños. A entidade local puxo á disposición da Xunta unha parcela de 800 metros cadrados para construír o novo centro de saúde da localidade.
Así, contará cunha superficie de 450 metros cadrados e distribuirase en dous andares: o semisoto e a planta baixa.
O semisoto proxéctase no espazo libre entre o terreo natural e a planta baixa e destínase exclusivamente para cuartos de instalacións.
Pola súa banda, a planta baixa distribúese de maneira esquemática formando unha U, cunha área central dedicada á entrada, unha zona oeste destinada a área de adultos e respiratorios e unha ala oeste para a área de persoal. Ademais, contará cunha zona cuberta exterior para a ambulancia e unha sala polivalente de respiratorios que se situará inmediatamente próxima á recepción, ademais dunha zona de espera e aseo propia.