A Xunta apoia a carreira solidaria organizada polo Colexio A Milagrosa en beneficio do comedor San Froilán, que se celebra o 1 de marzo

Lugo, 20 de febreiro de 2026

A Xunta renova o seu apoio á carreira popular solidaria ‘Tus pasos, su alimento’, organizada polo Colexio Plurilingüe A Milagrosa, de Lugo, en beneficio do comedor San Froilán, que celebrará a súa terceira edición o domingo 1 de marzo.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación da cita, que ten aberto o prazo de inscrición ata o día 25 de febreiro. As persoas interesadas poden anotarse a través da páxina web ccnorte.

Como nas edicións anteriores, haberá carreiras repartidas en distintas categorías e unha andaina pola Muralla, esta última sen carácter competitivo. Nesta ocasión, tanto a saída como a meta das carreiras situaranse diante do centro educativo, na praza de Ferrol. Ademais ofrécese a posibilidade de colaborar mediante a adquisición dun dorsal solidario sen necesidade de participar nas actividades.

O obxectivo da iniciativa é apoiar o labor do comedor social San Froilán e promover entre os participantes, en especial entre os nenos e nenas, os valores da solidariedade, a igualdade e a convivencia. 

Durante a presentación, Arias felicitou ao centro educativo lucense por manter esta iniciativa, “que conxuga os valores do deporte coa solidariedade” e que contribúe tamén a visibilizar “o importante traballo que o comedor social San Froilán desenvolve desde hai 25 anos na cidade, non só ofrecendo alimento senón tamén acompañando ás persoas que máis o necesitan”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/02/2026