O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visita o centro carballinés para supervisar o avance dos traballos

A Xunta prevé rematar en abril a ampliación do Instituto Manuel Chamoso Lamas tras incrementar nun 20%, ata case 3 M€, o investimento nesta obra

Tras varias situacións sobrevidas a medida que se ían desenvolvendo os traballos, a obra avanza agora cara ao seu fin, co 85% da actuación xa executada

Constrúese un novo volume de máis de 1.200 m² con aulas e talleres de FP de mecanizado e soldadura, entre outros espazos

O conselleiro destaca un investimento de máis de 3,7 M€ en melloras nos centros do Carballiño a través do Plan de nova arquitectura pedagóxica

O Carballiño (Ourense), 20 de febreiro de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe o Instituto Manuel Chamoso Lamas do Carballiño para supervisar o avance das obras de ampliación do centro. A Xunta prevé rematar en abril esta intervención, tras incrementar nun 20% o seu orzamento (máis de 500.000 € máis) para dar resposta ás necesidades que foro xurdindo durante o desenvolvemento da actuación.

Neste sentido, o conselleiro explicou que, a medida que se ían realizando os traballos, os técnicos e operarios atoparon diferentes dificultades, tanto na escavación do terreo, que foi máis complexa do inicialmente previsto, como na cimentación do novo edificio, entre outros aspectos sobrevidos. “En calquera caso, a obra avanza agora xa cara ao seu fin, con arredor do 85% executado”, destacou o conselleiro, que agradeceu o esforzo de todos os traballadores nesta intervención, así como a comprensión do centro educativo.

Cun investimento final de case 3 M€, a ampliación do Chamoso Lamas supón a construción dun novo edificio de máis de 1.200 m² para talleres de FP. Deste xeito, dáse resposta á necesidade de espazos técnicos no instituto para impartir estas ensinanzas. “En concreto, o novo volume vai dar servizo ao ciclo de grao medio de Soldadura e Caldeirería, que require duns espazos e equipamento específicos”, detallou o conselleiro.

O novo edificio distribúese en dous andares. O superior conta con tres novas aulas, dous aseos, almacén, conserxería, vestíbulo e distribuidor. No andar baixo localízanse os talleres de mecanizado (162,35 m²) e soldadura (160,85m²), vestiarios, almacén de material, cuarto de telecomunicacións e distribuidor. Os dous andares están comunicados por medio de escaleiras e ascensor.

O IES Manuel Chamoso Lamas conta con 500 alumnos, dos que máis de 160 son de Formación Profesional. Este curso o centro imparte os ciclos de FP Básica de Mantemento de Vehículos e de Electricidade e electrónica, os de grao medio en Xestión administrativa, en Instalacións eléctricas e automáticas e en Electromecánica de vehículos automóbiles, así como o de grao superior en Administración e finanzas. Na modalidade dual intensiva imparte o ciclo de grao medio en Soldadura e caldeiraría, así como o máster de FP en Robótica Colaborativa.

Máis de 3,7 M€ no Carballiño

Román Rodríguez destacou que a Xunta está a facer un investimento de máis de 3,7 M€ nos centros educativos do Carballiño ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica, con actuacións como esta ampliación ou as diferentes melloras acometidas nos diferentes edificios que compoñen o Colexio Plurilingüe Calvo Sotelo, cun investimento de máis de 250.000 € en varias intervencións.

Neste mesmo colexio está comprometido un investimento de máis de 650.000€, en colaboración co Concello do Carballiño, para a construción de novos vestiarios, o acondicionamento do pavillón deportivo e a cubrición do patio exterior do edificio Uceira do centro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/02/2026