O conselleiro de Educación destaca un investimento de máis de 1,3 M€ en obras nos centros educativos de Forcarei
Román Rodríguez comproba o resultado das obras de eficiencia enerxética realizadas no Instituto Chano Piñeiro, cun investimento de máis de 500.000 € en diferentes actuacións
Forcarei (Pontevedra), 20 de febreiro de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe un investimento de máis de 1,3 M€ en obras de mellora nos centros educativos de Forcarei no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica. Fíxoo nunha visita ao Instituto Chano Piñeiro, na que estivo acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, onde comprobou o resultado das obras de mellora da eficiencia enerxética.
Cun orzamento da Xunta de máis de 365.000 €, a actuación abrangueu o cambio completo de cuberta e o illamento da fachada. No caso da cubrición, mudáronse 785 m², substituíndo a antiga chapa metálica sobre restreles por panel sándwich de 30 mm. A maiores, colocáronse novos canlóns cadrados de chapa de aceiro galvanizado e baixantes de PVC. No caso das fachadas, aplicouse sistema SATE nun total de 2.153 m².
Esta intervención súmase á substitución das fiestras dos aularios e á renovación das luminarias do centro, actuacións que contaron cun orzamento total de arredor de 160.000 euros. Deste xeito, queda rematada a rehabilitación enerxética do centro, cun investimento total de máis de 500.000€.
O titular do departamento educativo do Goberno galego lembrou que neste mesmo concello pontevedrés tamén foron obxecto de reformas de gran envergadura os colexios Nosa Señora das Dores (481.000 €) e de Soutelo de Montes (294.000 €), nos que tamén se mudaron cubertas e carpinterías, ademais de acometerse o illamento térmico das súas fachadas.
“Todas estas actuacións contribúen a mellorar o confort diario da comunidade escolar, ao mesmo tempo que avanzamos na redución do consumo enerxético, en prol dunhas instalacións educativas máis respectuosas co medio ambiente, un dos obxectivos prioritarios do Plan de nova arquitectura pedagóxica”, destacou o conselleiro.