A directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade visitou o mercado circular que se celebra esta fin de semana na sede de Afundación
A Xunta destaca a alta participación no mercado do Tinglado de Pontevedra como mostra do compromiso da cidadanía coa reutilización e o consumo responsable
Un total de 100 particulares expoñen de balde os artigos que queren vender cun horario de atención ao público de 10,30 a 14,00 horas e de 16,00 a 20,30 horas
Esta iniciativa enmárcase no Plan sectorial de xestión de residuos municipais de Galicia 2030, co que a Xunta busca implicar ás entidades locais na implantación dun modelo circular que contribúa a cumprir coas exixencias normativas neste eido
Pontevedra, 21 de febreiro de 2026
A directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, salientou hoxe a alta participación no mercado de segunda man do Tinglado de Pontevedra como exemplo do compromiso da cidadanía coa reutilización e o consumo responsable.
Durante a súa visita a este mercado circular, que celebra en Pontevedra a súa quinta edición -logo das organizadas en Vigo, Ferrol, A Coruña e no Pantin Classic Galicia Pro de Valdoviño-, a directora xeral puxo en valor a transcendencia de seguir reducindo os residuos que se xeran, de cambiar a forma de consumir e apostar por produtos de calidade que duren no tempo e poidan ter varias vidas, pasando por diferentes mans.
Para iso destacou a importancia de iniciativas como esta, que se celebra ao longo desta fin de semana na sede de Afundación, e onde a cidadanía -non está dirixida a vendedores profesionais- ten a oportunidade de vender e mercar todo tipo de produtos -como roupa, libros, xoguetes, aparellos eléctricos e electrónicos así como artigos de fogar e de decoración- para darlles un segundo uso e evitar que se convertan en refugallos.
En concreto, esta nova edición do Tinglado, totalmente gratuíta, permite que ata 100 particulares -50 cada día- teñan á súa disposición expositores cun espazo de catro metros cadrados co mobiliario necesario -mesas, cadeiras e burros- para expoñer os artigos que desexen vender. O horario de venda ao público é de 10,30 a 14,00 horas e de 16,00 a 20,30 horas.
Plan de residuos municipais
A celebración do Tinglado enmárcase no Plan sectorial de xestión de residuos municipais de Galicia 2030, co que a Xunta busca implicar ás entidades locais na implantación dun modelo circular que contribúa a cumprir coas exixencias normativas neste eido. Con este plan o Goberno galego aspira a reducir en 2030 un 15% a xeración de refugallos respecto a 2010, un 50% os residuos alimentarios por persoa na venda retallista e aos consumidores e un 20% as perdas de alimentos ao longo das cadeas tanto de produción como de subministración.
Co anterior plan, entre outros aspectos, Galicia reduciu máis dun 5% a produción de residuos e os enviados a vertedoiro descenderon case un 37%, co que a comunidade se sitúa por debaixo da media estatal e está máis próxima á media europea.