Villaverde e Cheché Real reforzan a alianza entre o sector pesqueiro e a hostalería galega

Con este encontro, a responsable autonómica deu continuidade á rolda de contactos cos distintos elos da canle Horeca

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, reuniuse este luns co presidente da Hostalería e Turismo de Galicia, Cheché Real, co fin de establecer posibles vías de colaboración que permitan poñer en valor os produtos do mar como elementos diferenciadores da oferta gastronómica da comunidade.

A este respecto, a responsable autonómica destacou o papel fundamental do réxime da restauración como “embaixador do noso peixe e do noso marisco”, sinalando que a colaboración entre produtores e hostaleiros “é clave para garantir prezos xustos, estabilidade no mercado e unha oferta de máxima calidade para consumidores e visitantes”.

Neste senso, Villaverde destacou a importancia de tecer alianzas público-privadas que permitan fomentar o consumo responsable e o coñecemento das especies pesqueiras que producen as rías galegas, entendendo tamén esta colaboración desde o impacto que supón na proxección turística nacional e internacional da comunidade.

Con este encontro, a Consellería do Mar reafirma a súa aposta pola cooperación cos distintos elos da canle Horeca (Hoteis, Restaurantes e Cafeterías) para fortalecer o posicionamento de Galicia como referente internacional en produtos do mar e gastronomía de excelencia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/02/2026