O delegado territorial da Xunta en Ourense supervisou esta mañá, acompañado do alcalde, o remate das obras do centro escolar

A Xunta inviste máis de 362.000 € nas obras de ampliación e reforma interior do CEIP Padre Crespo, no concello de Xunqueira de Ambía

O delegado territorial explicou que, con esta nova infraestrutura, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional busca mellorar as condicións do centro educativo e garantir unha maior eficiencia enerxética, en liña cos obxectivos do Plan de nova arquitectura pedagóxica impulsado pola Xunta de Galicia

Manuel Pardo recalcou que o obxectivo deste plan é dotar aos centros educativos da provincia de Ourense das mellores condicións para garantir unha educación de calidade, tamén desde o punto de vista das infraestruturas

O representante do Goberno galego detallou que os traballos executados consistiron nunha ampliación sobre o patio cuberto que alberga unha aula, un despacho, unha sala de profesores e os aseos

Ourense, 23 de febreiro de 2026

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá o CEIP Padre Crespo no concello de Xunqueira de Ambía para, acompañado da seu alcalde, José Luis Gavilanes, supervisar as obras de ampliación e reforma interior parcial do centro escolar, nas que a Consellería de  Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional destina máis de 362.000 euros.

O delegado territorial explicou que con estas intervencións, búscase mellorar as condicións do centro educativo, ampliar os espazos tanto para o equipo directivo e administrativo como para o profesorado, reformar os aseos cun novo saneamento asociado a eles e mellorar a accesibilidade no edificio.  Unha achega da Xunta para intervencións en infraestruturas escolares que aposten por un modelo de centros -segundo o delegado territorial-  “ao servizo da aprendizaxe e da convivencia, con espazos accesibles, saudables e cómodos nos que o alumnado poida estudar, socializar, xogar, facer deporte...”, en liña coas pautas marcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia.

Neste sentido, recalcou Manuel Pardo, que o obxectivo deste plan é dotar aos centros educativos da provincia de Ourense das mellores condicións para garantir unha educación de calidade, tamén desde o punto de vista das infraestruturas.

O representante do Goberno galego tamén salientou que con esta e todas as actuacións que ten despregadas polos máis de 1.600 edificios escolares da Comunidade, a Xunta reafirma o seu compromiso coa creación de espazos máis accesibles e sostibles, orientados a beneficiar a toda a comunidade educativa.

As obras

Manuel Pardo detallou que os traballos executados consistiron nunha ampliación sobre o patio cuberto que alberga unha aula, un despacho, unha sala de profesores e os aseos, que se trasladan desde a súa localización actual por ser extremadamente escasos en canto a superficie e claramente incómodos. Esta ampliación esixiu a creación dunha nova saída de planta, que se realizará por unha nova escaleira no exterior.

Tamén se levou  a cabo a reforma dos aseos da planta baixa do edificio de administración, conseguindo ter así un aseo que, non podendo considerarse accesible.

Así mesmo, o delegado territorial explicou que na devandita planta situábase un despacho que se fixo lixeiramente máis pequeno. A cambio, abriuse un oco para mellorar a pobre iluminación natural actual, e un segundo oco na actual sala de profesores que pasou a ser a aula para necesidades especiais.

No edificio nordés destinado a aulas reformáronse os aseos, substituíndo as instalacións de abastecemento e saneamento, así como pezas e acabados. Tamén neste edificio, colocouse un trasdosado directo de placas de xeso laminado pintadas con illamento nas zonas das aulas con máis problemas de humidade por capilaridade.

 

 

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/02/2026