Miguel Corgos garante que os beneficios fiscais cheguen ás 60.000 familias galegas que poden deducir no IRPF a compra de libros de texto e material escolar

O Goberno galego leva ao Parlamento o Anteproxecto de Lei de medida excepcional en materia fiscal que permitirá aplicar a dedución tamén ás persoas que realizaron os pagamentos das facturas en efectivo

O procedemento de Lei de lectura única permite acelerar a aprobación da norma, reducindo os prazos

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2026

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, presentou hoxe no Parlamento a medida que permitirá que os beneficios fiscais cheguen ás 60.000 familias galegas que poden deducir no Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) a compra de libros de texto e material escolar.

O Goberno galego levou hoxe á Cámara autonómica o Anteproxecto de Lei de medida excepcional en material fiscal que permitirá aplicar a dedución tamén ás persoas que realizaron os pagamentos das facturas en efectivo. Deste xeito, as familias galegas que mercaron os libros de texto e material escolar entre o 1 de xullo e o 31 de decembro e pagaron as facturas en efectivo poderán aplicar na declaración do IRPF de 2025 e, de maneira excepcional, a bonificación fiscal aprobada polo  Goberno galego de ata 105 euros por cada estudante en idade escolar.

Miguel Corgos explicou que se tomou esta decisión porque, a pesar de que é un requisito común que os beneficios fiscais exclúan o pagamento en efectivo, “consideramos que moitas das persoas podían descoñecer, cando adquiriron os libros de texto e o material escolar” esta circunstancia.

Para iso tramítase como proxecto de Lei de lectura única, un procedemento que permite acelerar a aprobación da norma, reducindo os prazos. O obxectivo, insistiu Corgos, é “asegurar que estea aprobado para a vindeira campaña de presentación do Imposto da Renda das Persoas Físicas, que comezará o mes de abril.”

Responsabilidade, transparencia e avaliación constante

O responsable da Facenda galega explicou que os beneficios fiscais, “como ferramentas de política pública requiren de control”, pois non son simples reducións de impostos e deben administrarse con “responsabilidade, transparencia e avaliación constante.”

Para Miguel Corgos, “un sistema de control sólido tamén ten que asegurar a eficiencia, a legalidade e a sustentabilidade financeira da Administración pública.” De aí que o gasto suxeito a dedución non poda realizarse mediante entregas de diñeiro de curso legal, xa que é preciso que teña que estar “debidamente xustificado e rexistrado”, a través de medios de pago que permitan verificar a realidade da transacción e a orixe inmediata dos fondos dedicados ao mesmo.

Unha finalidade que se consigue, advertiu Corgos, “co pago mediante tarxeta de crédito ou débito, transferencia bancaria, cheque nominativo, ingreso en conta en entidades de crédito ou a través de plataformas de servizos de pagamentos electrónicos instantáneos autorizadas en España.”

Porén, para non prexudicar ás persoas que realizaron o gasto en material escolar e libros de texto no segundo semestre do pasado ano en diñeiro de curso legal, “permitiremos o pago en diñeiro de curso legal dos gastos en material escolar e libros de texto realizados durante o período do 1 de xullo ao 31 de decembro de 2025”, con carácter excepcional.

Un aforro de case 6,5 M€

O Goberno Galego incluíu nos Orzamentos de 2026 esta medida que beneficiará a unhas 60.000 familias con rendas anuais per cápita superiores a 10.000 euros e ata 30.000€. A dedución suporá un aforro conxunto de preto de 6,5 millóns de euros aos fogares galegos e terá continuidade en anos sucesivos.

Data de actualización: 24/02/2026