O conselleiro de Sanidade, acompañado da directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López, detallou en rolda de prensa o esforzo realizado polo Goberno galego nos últimos anos en reforzar as capacidades da atención primaria
Gómez Caamaño salienta os 90,2 M€ investidos nos últimos catro anos en equipamento e tecnoloxía para a atención primaria como mostra do compromiso da Xunta con este nivel asistencial
Resalta o incremento da capacidade resolutiva dos centros de saúde, a mellora na calidade e seguridade asistencial e a redución de demoras e de desprazamentos no rural
Lembra o seguimento máis preciso e personalizado que se está a facer dos pacientes con diabetes grazas a un investimento de 31,6 M€ na compra de máis de 455.700 sensores de glicosa e arredor de 19.500 kits para bombas de insulina
Sinala o reforzo da asistencia no fogar, con 530 sistemas móbiles para realizar probas como electrocardiogramas ou espirometrías e 580 analizadores sanguíneos portátiles
Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, referiuse hoxe aos máis de 90,2 millóns de euros investidos entre os anos 2022 e 2025 en equipamento e tecnoloxía para a atención primaria como mostra do compromiso da Xunta con este primeiro nivel asistencial.
Así o afirmou na rolda de prensa de presentación dos investimentos realizados pola Xunta nos últimos catro anos para a mellora do equipamento dos centros de saúde, na que estivo acompañado pola directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López.
Gómez Caamaño remarcou que a atención primaria é unha prioridade estratéxica do Goberno galego e, por iso, os orzamentos da Xunta de 2026 reservan 1.747 millóns de euros a reforzar este nivel asistencial con máis profesionais e mellores infraestruturas.
No ámbito concreto do equipamento, nos últimos catro anos destináronse 69,4 millóns de euros cos obxectivos de incrementar a capacidade resolutiva dos centros de saúde, mellorar a calidade e a seguridade asistencial e reducir demoras e desprazamentos, especialmente no ámbito rural.
En particular, Gómez Caamaño resaltou o investimento de 31,6 millóns de euros na adquisición de máis de 455.700 sensores de glicosa e arredor de 19.500 kits para bombas de insulina, “permitindo un seguimento máis preciso, personalizado e continuo dos paciente con diabetes”.
No ámbito do radiodiagnóstico, a Xunta creou tres novas salas de raios nos centros de saúde de Rianxo, Pontedeume e Ortigueira, renováronse outras 26 e púxose en marcha na área de Santiago de Compostela unha unidade móbil cun investimento global de 3,2 millóns de euros.
Tamén se dotou os centros de saúde de 299 ecógrafos portátiles e máis de 1.000 holters para a monitorización ambulatoria da presión arterial. E achegouse outro material esencial para o diagnóstico, como retinógrafos e desfibriladores con electrocardiograma integrado.
O conselleiro de Sanidade indicou que a asistencia no fogar tamén foi reforzada con 530 sistemas móbiles que permiten realizar probas esenciais no propio domicilio -como electrocardiogramas ou espirometrías- e 580 analizadores sanguíneos portátiles que ofrecen resultados inmediatos.
O investimento en equipamento compleméntase coa transformación dixital da atención primaria con 20,8 millóns, financiados pola Unión Europea, a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Grazas a estes programas, o Servizo Galego de Saúde está a actualizar a historia clínica electrónica IANUS 5, a desenvolver aplicacións específicas para o seguimento da diabetes e a ampliar o uso da intelixencia artificial como apoio ao diagnóstico.
En 2026, cun investimento próximo aos 12 millóns de euros, darase prioridade á eficiencia enerxética e climatización dos centros de saúde, á humanización da asistencia, ao nacemento e lactación, ao impulso da saúde comunitaria ou ao reforzo da capacidade diagnóstica das infeccións de transmisión sexual.
Máis persoal en primaria
Gómez Caamaño fixo fincapé tamén na decisión pioneira da Xunta que permitiu ofrecer 178 prazas de medicina de familia e 60 de pediatría a través de concursos de méritos.
Tamén aludiu á creación de novas categorías profesionais de atención primaria. Nesta liña, a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López, destacou o traballo de 45 nutricionistas, que desde 2022 xa realizou máis de 636.000 consultas. “Isto supuxo miles de oportunidades de modificar factores de risco cardiovascular e promover hábitos de vida saudables”, segundo explicou.
Tamén se puxeron en marcha 35 equipos de soporte de atención domiciliaria (ESAD), compostos por 70 profesionais de enfermería en total, que reforzan a atención a domicilio en zonas rurais e illadas.
Ademais, este ano a Xunta está a poñer en marcha, como novidade, unha rede de psicoloxía en atención primaria formada por 28 psicólogos clínicos.
Gómez Caamaño lembrou que, na liña da mellora continua do sistema sanitario, a Consellería de Sanidade creou dous grupos de traballo para presentar unha proposta de reforma do modelo de atención primaria antes do verán. Entre outros factores, o conselleiro destacou o reforzo da estrutura de xestión da atención primaria nas áreas sanitarias e o reforzo do papel das xefaturas de servizo dos centros de saúde.