Román Rodríguez advirte que Galicia terá que abandonar o programa de auxiliares de conversa se o Goberno do Estado non ofrece garantías

O conselleiro lamenta que o Ministerio de Educación non mude as condicións do programa que están a supoñer “multas millonarias” por parte do Ministerio de Traballo nalgunhas comunidades

Denuncia a “irresponsabilidade persistente” e a “falta de coherencia” entre ministerios “dun mesmo Goberno” que prexudica a miles de estudantes galegos

Lembra que Galicia sempre cumpriu “a pé de letra” as condicións impostas desde o Estado, malia que é a Xunta a que financia preto do 80% do custo do programa

Este programa, que leva 15 anos funcionando con éxito en Galicia, contribuíu a situar os estudantes galegos co maior nivel de inglés de España, segundo o informe EF

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, advirte de que a continuidade do programa de auxiliares de conversa está perigo en Galicia debido á falta de garantías xurídicas por parte do Goberno do Estado, que non ten intención de arranxar unha situación “creada polas discrepancias internas entre ministerios” da que desde a Xunta “lle alertamos en múltiples ocasións”.

O titular de Educación da Xunta explicou hoxe que o Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes ten previsto convocar de novo este programa nas mesmas condicións que o facía ata o de agora, segundo vén de comunicar. Isto sucede a pesar de que o Ministerio de Traballo o está a cuestionar o seu funcionamento mediante inspeccións que noutras comunidades autónomas derivaron xa “en multas millonarias”. En Galicia, actualmente hai aberto un procedemento pendente de resolver, no que o Goberno autonómico fixo as alegacións correspondentes.

“De persistir esta falta de seguridade xurídica, desde Galicia non poderemos continuar con esta iniciativa”, advertiu o conselleiro, que denunciou a “irresponsabilidade persistente” e a “falta de coherencia” do Goberno do central ante un asunto “do que xa lle advertimos en varias ocasións que había que solucionar”. Fíxoo a través de conversas persoais, de iniciativas parlamentarias e de misivas e, de feito, o conselleiro anunciou que hoxe mesmo lle ía remitir unha nova carta á ministra de Educación para reiterarlle que se acade unha solución ao respecto.

Cómpre lembrar que esta problemática deriva de que o Ministerio de Traballo está a cuestionar as condicións establecidas polo de Educación para estas persoas auxiliares, esixíndolles un contrato laboral no réxime da Seguridade Social, cando están definidos como persoas que participan nun intercambio cultural.

Román Rodríguez lamentou que os estudantes galegos “son os primeiros damnificados” deste conflito entre ministerios que “nos deixa totalmente indefensos aos gobernos autonómicos que, como Galicia, sempre seguimos a pé de letra as condicións que nos impoñían desde Madrid, malia que financiamos case o 80% do seu custe”.

Desde Galicia sempre se traballou no marco fixado polo Goberno central nunha iniciativa que leva funcionando 15 anos con éxito e que contribuíu a que os estudantes galegos se sitúen como os con maior nivel de España en Inglés, segundo o informe anual de Education First (EF).

O programa de auxiliares de conversa está deseñado polo Ministerio de Educación e no mesmo estas persoas non teñen a condición de traballadores do Réxime Xeral da Seguridade Social, que agora está a esixir a Inspección de Traballo. Non obstante, contan con todas as coberturas, cun seguro médico, así como cun ingreso en concepto de axuda para gastos de aloxamento e manutención que sufraga a propia Xunta. De feito, é o Goberno galego é que se fai cargo da maior parte do custo do programa (4,8 M€ dos 5,2 M€ totais).

Data de actualización: 25/02/2026