O conselleiro de Sanidade participou esta tarde na Coruña na presentación do Proxecto Oncoloxía Integrativa do Centro Oncolóxico de Galicia
Gómez Caamaño subliña a aposta da Xunta por unha oncoloxía de vangarda centrada na humanización da asistencia e no acompañamento integral ao paciente
O titular de Sanidade remarca a importancia de achegar unha atención integral que non só se centre no ámbito clínico, senón que tamén preste atención a factores psicosociais ou aos hábitos de vida saudable dos pacientes
A Coruña, 25 de febreiro de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participou esta tarde na Coruña na presentación do Proxecto Oncoloxía Integrativa que desenvolve o Centro Oncolóxico de Galicia, un acto no que subliñou a aposta da Xunta por prestar unha atención de vangarda que se centre na humanización da asistencia e no acompañamento integral dos pacientes.
Durante a súa intervención, o responsable sanitario remarcou o compromiso do Executivo galego na abordaxe do cancro, poñendo de relevo o grande avance que suporá para a comunidade dispoñer do primeiro Centro de Protonterapia do sistema nacional de saúde ou os diversos proxectos de investigación que se están a realizar, como é o caso de Xenoma Galicia.
Gómez Caamaño agradeceu o labor exemplar que desenvolve a Fundación Centro Oncolóxico de Galicia José Antonio Quiroga y Piñeyro e puxo en valor as súas achegas a nivel sanitario, científico e social, un traballo que a consolida como un referente na atención ao paciente oncolóxico na comunidade, referiu.
O titular de Sanidade salientou tamén o carácter innovador do Proxecto Oncoloxía Integrativa pois aos tratamentos oncolóxicos convencionais (quimioterapia, radioterapia, cirurxía, inmunoterapia, etc.), engádense outras intervencións complementarias que se centran no benestar e da saúde global do paciente, como pode ser a nutrición, o exercicio físico ou a xestión do estrés.
Segundo precisou, a Xunta mantén a súa aposta por unha oncoloxía centrada na dignidade do paciente, na humanización da asistencia e no acompañamento, un modelo asistencial que procura unha atención integral que non só se centre no ámbito clínico, senón tamén nos factores psicosociais ou nos hábitos de vida saudables.
Durante a tarde de hoxe, o Auditorio Abanca da Coruña acolleu diferentes mesas redondas nas que especialistas do ámbito da Oncoloxía e pacientes intercambiaron experiencias e coñecementos sobre os tratamentos do cancro; os seus coidados médicos, farmacéuticos e de enfermería; ou o impacto do benestar emocional e os estilos de vida saudable na saúde dos pacientes oncolóxicos.