A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático participou nun webinario sobre estes apoios

A Xunta amplía o prazo de solicitude das axudas para impulsar chiringuitos máis sostibles e facilitar o acceso dos posibles beneficiarios

O prazo rematará o vindeiro 4 de maio para que poidan solicitar estes apoios os titulares destes establecementos que só desenvolven esta actividade económica durante a tempada efectiva destes servizos, especialmente os autónomos

O obxectivo destas axudas é favorecer a transición cara a establecementos máis eficientes, accesibles e integrados na paisaxe que compatibilicen a súa actividade económica coa conservación da contorna

Con esta liña de apoios, que conta cun orzamento de 1 millón de euros, poderase cubrir ata o 50% de cada proxecto subvencionable, cun investimento mínimo por solicitude de 1.500 euros e unha axuda máxima de 10.000 euros

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2026

A Xunta amplía o prazo para presentar as solicitudes das axudas para impulsar prácticas sostibles nos chiringuitos do litoral co obxectivo de facilitar o procedemento aos posibles beneficiarios.

Segundo explicou esta mañá nun webinario con representantes do sector sobre esta cuestión a directora xeral de Enerxías Renovables e cambio Climático, Paula Uría, esta decisión, que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, adóptase para promover e facilitar a participación dos propietarios destes establecementos hostaleiros.

En concreto, o prazo de solicitudes rematará o vindeiro 4 de maio en vez de o 3 de marzo previsto inicialmente. Con esta ampliación facilítase a posibilidade de que poidan solicitar estas axudas os titulares de chiringuitos –especialmente os autónomos- que só desenvolven esta actividade económica durante a tempada efectiva destes servizos.

Cómpre lembrar que con esta liña de apoios, que conta cun orzamento de 1 millón de euros, poderase cubrir ata o 50% de cada proxecto subvencionable, cun investimento mínimo por solicitude de 1.500 euros e unha axuda máxima de 10.000 euros. En todo caso, cando se trate dunha adaptación integral aos prototipos de chiringuito biosostible gañadores do concurso de ideas desenvolvido pola Xunta, a axuda poderá chegar ata o 70% do gasto subvencionable cunha contía de ata 20.000 euros.

Durante a súa intervención Paula Uría fixo fincapé en que o obxectivo destas axudas é promover prácticas sostibles nos chiringuitos da costa galega, favorecendo á vez a súa transición cara a establecementos máis eficientes, accesibles e integrados na paisaxe que compatibilicen a súa actividade económica coa conservación da contorna, tal e como fixa a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia.

Deste xeito, con estes apoios aspírase a fomentar que nestes establecementos de tempada se empreguen materiais reutilizables, reciclados, de baixo impacto ambiental ou con certificación ecolóxica tanto na instalación de estruturas, solos e paneis como nos elementos de sombreado e protección solar, ou no mobiliario.

Tamén serán subvencionables actuacións dirixidas tanto á redución e correcta xestión dos residuos, como ao aforro dos consumos enerxéticos e de auga. Por último, financiaranse accións que promovan a accesibilidade universal mediante solucións respectuosas coa contorna e a integración paisaxística.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/02/2026