O 23 de xaneiro de 2026 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 21 de xaneiro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras da primeira convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas para fomentar a sustentabilidade dos establecementos expendedores de comidas e bebidas no litoral de Galicia, e se convocan, mediante tramitación anticipada de gasto, para o ano 2026 (código de procedemento MT975Z).
O prazo para a presentación de solicitudes era dun (1) mes. Este prazo comezou a contar unha vez que transcorreron sete días hábiles desde o seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia e remata o día 3 de marzo de 2026.
Tendo en conta o requisito establecido no artigo 2.1 da dita orde, e que a duración da tempada para o litoral de Galicia e, polo tanto, a actividade económica ligada a estes establecementos comeza o 27 de marzo de 2026, procede, para promover e facilitar a participación neste procedemento, modificar o prazo de presentación de solicitudes establecido na convocatoria ata o 3 de maio de 2026. Ao tratarse dunha convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva, esta modificación do prazo de presentación de solicitudes, que pasa a ser de tres (3) meses, non causa prexuízo a terceiros.
En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2017), así como no uso das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo único
Modificación da Orde do 21 de xaneiro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras da primeira convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas para fomentar a sustentabilidade dos establecementos expendedores de comidas e bebidas no litoral de Galicia e se convocan, mediante tramitación anticipada de gasto, para o ano 2026 (código de procedemento MT975Z).
O punto 3 do artigo 8 da Orde do 21 de xaneiro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras da primeira convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas para fomentar a sustentabilidade dos establecementos expendedores de comidas e bebidas no litoral de Galicia, e se convocan, mediante tramitación anticipada de gasto, para o ano 2026 (código de procedemento MT975Z), queda redactado como segue:
«3. O prazo de presentación das solicitudes será de tres (3) meses, que contarán a partir das 12.00 horas no 7º día hábil seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia».
Disposición derradeira única
Esta orde terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2026
Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático
