O presidente da Xunta visitou a nova sala de espera de oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), que entrará en servizo o luns

Rueda destaca os avances de Galicia no tratamento e prevención do cancro e aposta por seguir afondando na humanización da sanidade

Sinala que o Goberno galego investiu 1 M€ na transformación da terraza do hospital de Santiago nun espazo acolledor ao servizo dos pacientes oncolóxicos

Lembra que a humanización de salas de espera estase acometendo, ou se vai levar a cabo proximamente, en todos os hospitais de referencia do Servizo Galego de Saúde

Avanza que o centro de protonterapia empezará a tratar aos primeiros pacientes a finais deste ano ou principios do próximo, o que converterá a Galicia na primeira sanidade pública en ofrecer este tratamento

Agradece o traballo dos profesionais, así como a implicación dos pacientes e da Asociación Española contra o Cancro (AECC)

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe os importantes avances que está facendo Galicia no tratamento e prevención do cancro, e defendeu a importancia de seguir avanzando nun modelo sanitario humanizado, que poña o benestar dos pacientes no centro.

Así o apuntou esta mañá tras visitar a nova sala de espera de oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), un acto no que estivo acompañado polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, así como por profesionais sanitarios e representantes dos pacientes.

Rueda sinalou que a Xunta investiu un millón de euros na transformación da terraza deste hospital nun espazo acolledor ao servizo dos pacientes oncolóxicos, que se poderá usar desde este mesmo luns. Trátase dunha área renovada, con vistas, con novo mobiliario e máis comodidades.

“Isto contribuirá a mellorar un pouco todo o que rodea o efecto tremendo de ter unha enfermidade oncolóxica ou de estar esperando un diagnóstico, por suposto, para os pacientes, pero tamén para os familiares e os coidadores, que tamén hai que pensar neles”, asegurou.

O titular do Executivo galego inscribiu esta iniciativa nunha estratexia global de “humanizar” as salas de espera. Así, lembrou que xa se están realizando actuacións neste sentido en Vigo, ademais de que hai traballos previstos en Ourense e Ferrol. Na Coruña e Lugo xa se acometeron melloras recentemente; e en Pontevedra incorporaranse no novo hospital, con salas de espera humanizadas.

“Estes pequenos avances ás veces son moito máis importantes do que cremos”, afirmou, ao tempo que insistiu en que “hai diferenza entre estar pasando un rato que nunca é agradable e que te deas conta tamén de que se están preocupando por ti”.

Avances contra o cancro

Na súa intervención, Rueda enumerou algunhas das iniciativas pioneiras que está impulsando Galicia no tratamento e prevención do cancro. Entre outras, puxo en valor a creación de hospitais de día oncolóxicos nos hospitais comarcais da Costa da Morte, en Cee, e en Barbanza, en Ribeira; o proxecto Xenoma Galicia, que esta mesma semana comezou unha nova fase e que é un dos de maior envergadura do mundo; ou a ampliación e extensión dos programas de cribado.

Tamén fixo fincapé na relevancia do centro de terapias avanzadas CAR-T, que este ano comezará a fabricar as súas propias terapias; e do centro de protonterapia, cuxas obras están a piques de rematar. Ao respecto deste último, se estima que empece a tratar aos primeiros pacientes a finais deste ano ou principios do próximo, o que converterá a Galicia na primeira sanidade pública en ofrecer este tratamento.

Xa por último, Rueda agradeceu o “compromiso e traballo diario dos profesionais”, en tanto son os que fan posibles tanto os avances como a humanización da sanidade. Ademais, eloxiou a implicación dos pacientes, a quen lles trasladou o apoio e cariño do Goberno galego; así como tamén destacou o importante papel e compromiso da Asociación Española contra o Cancro e dos seus voluntarios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/02/2026