A directora xeral de Promoción da Igualdade participou na xornada As mulleres xestoras do cambio, o papel de Europa

A Xunta destaca Galicia como unha comunidade referente en políticas públicas de igualdade con fondos europeos

María Quintiana sinalou que o programa de apoio ao emprendemento feminino EMEGA é, para a Comisión Europea, unha boa práctica e exemplo a seguir

Santiago de Compostela, 26 de febreiro do 2026

A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participou esta mañá na xornada As mulleres xestoras do cambio, o papel de Europa, que organiza a Federación galega de municipios e provincias (Fegamp). Na súa intervención, destacou a Galicia como unha comunidade referente na elaboración de políticas públicas de igualdade con fondos europeos.

María Quintiana sinalou que un dos piares fundamentais para acadar unha sociedade coa plena igualdade pasa por garantir que as mulleres recuperen os espazos que lles corresponden, de xeito que poidan impulsar os seus propios proxectos persoais e vitais con independencia. Por iso, sinalou a importancia do programa de apoio ao emprendemento feminino Emega como promotor do talento feminino e que é exemplo de boas prácticas para a Comisión Europea. Trátase dun programa cofinanciado entre fondos FSE+ e da Xunta, que nos últimos 13 tivo máis de 32 millóns de euros de investimento, o que supuxo apoiar a máis 2.400 proxectos e crear máis de 4.000 empregos.

Deste xeito, a directora xeral tamén puxo en valor os programas con estes mesmo fondos destinados a apoiar aos concellos galegos nas súas actividades de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero, ás entidades de iniciativa social cos seus programas de atención ás mulleres en situación de vulnerabilidade e a liña de axudas á redución de xornada que busca impulsar a corresponsabilidade co cambio de tendencia facendo que cada vez sexan máis os homes os que decidan para eles as súas carreiras para adicarse aos coidados.

María Quintiana reivindicou o compromiso da Xunta coa igualdade de xénero en todos os aspectos sociais. Neste sentido, abundou na importancia de visibilizar as mulleres profesionais de todos os sectores profesionais e con diferentes tipos de traxectorias, tamén no eido da administración pública e da política. Así, Quintiana agradeceu o traballo de alcaldesas, concelleiras, deputadas e de todas as mulleres que están liderando, transformando sociedades e sendo referentes para moitas que virán detrás.

Por último, María Quintiana lembrou que é imprescindible seguir traballando no eido da igualdade laboral e así erradicar a fenda salarial de xénero, que cada ano conseguimos reducir. Así, lembrou que a Xunta está ultimando a que será a da primeira Estratexia de emprego feminino en sectores masculinizados, que se une á liña de apoios para a  inserción de mulleres en sectores masculinizados, cun investimento de 1,2 millóns de euros este ano; así como o reforzo das políticas de conciliación e a corresponsabilidade ás que o Goberno galego destina 150 millóns de euros ao ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/02/2026