A Xunta e o colexio de odontólogos e estomatólogos de Lugo estudan novas vías de colaboración
Lugo, 26 de febreiro de 2026
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo hoxe unha reunión de traballo coa presidenta do Colexio de Odontólogos e Estomatólogos de Lugo, María Núñez, para avanzar na colaboración entre o Goberno galego e o colectivo profesional.
Así, durante o encontro avaliaron posibles vías de apoio ás iniciativas da Fundación Clínica Dental Solidaria de Lugo, creada no marco do Colexio Profesional para desenvolver accións de carácter social e solidario vinculadas á saúde bucodental.
A xuntanza serviu tamén para abordar a organización da exposición ‘Sonrisas por el mundo’, que se poderá ver en próximas datas na sede da Delegación Territorial en Lugo. A mostra recolle unha selección de imaxes do concurso fotográfico convocado polo Consello Xeral de Dentistas de España e a Fundación Dental Española co obxectivo de reflectir a diversidade do sorriso en diferentes culturas e países.
Arias referiuse ademais ao convenio que a Xunta vén de asinar co sector, polo que os profesionais se sumarán á plataforma de prescrición de receita electrónica privada. Esta nova ferramenta tecnolóxica posibilitará a debida transmisión de información e a interoperabilidade entre todos os axentes implicados, facilitando o seguimento e o control dos medicamentos e produtos sanitarios dispensados.