A economía galega medrou un 2,6% no 2025, por riba das previsións

Galicia consolida un crecemento sostido, cunha mellor evolución que a media de España no período postpandemia

O emprego medrou, cun incremento de 17.715 empregos e un descenso da taxa de paro ata o 8,35 %, preto do mínimo histórico

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2026

A economía galega medrou un 2,6% no ano 2025, por riba das previsións. Así o explicou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, nunha rolda de prensa na que fixo unha valoración dos datos da contabilidade trimestral publicados hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

Miguel Corgos salientou que este dato demostra que Galicia consolida un “crecemento sostido” da súa economía nos últimos cinco anos, cunha mellor evolución que a media de España no período postpandemia. “O PIB de Galicia está 12,3 puntos por riba do de 2019, 2,2 puntos máis que o de España no mesmo período”, explicou Corgos.

A este avance da economía galega contribuíu “en 2,4 puntos a demanda externa”. A formación bruta de capital aumentou un 4,2 %, o gasto das administracións pública subiu un 2,3 % e o gasto dos fogares medrou un 2 %. As exportacións mantivéronse estables, “tendo en conta que vimos de niveis récord”, consolidando por riba de 30.000 millóns de euros anuais as vendas ao exterior, debullou o conselleiro de Facenda.

No que respecta á oferta, a construción medrou un 7,3 %, “ao que contribuíu a aposta do Goberno galego pola vivenda, co obxectivo de duplicar nesta lexislatura o parque público de inmobles”, afirmou. Os servizos amosaron un bo comportamento, cun avance do 2,8 %, a industria subiu o 2,2 % e o sector primario un 1,3 %.

Miguel Corgos explicou que ao dato positivo do PIB se suman outros indicadores, como o crecemento do emprego, cun incremento de 17.715 empregos “e un descenso da taxa de paro ata o 8,35 %, “preto do mínimo histórico.”

Mellora da converxencia

Ademais, Galicia segue mellorando a súa converxencia, “cunha tendencia mellor que a media”, explicou Corgos. Esta evolución fai que, en relación a España, Galicia acade en 2024 (o último ano do que se teñen rexistros pechados) o seu mellor nivel de converxencia con España, o 92,6 %.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/02/2026