A Xunta reforza a seguridade viaria do Camiño de Inverno ao seu paso pola comarca de Valdeorras cun investimento de preto de 190.000€

O director de Turismo de Galicia visitou a nova senda creada, que se completa coa pasarela de madeira que afasta os peregrinos da vía do tren e da estrada local

As actuacións realizadas terán continuidade co Plan de Seguridade Viaria do Camiño de Santiago no que a Xunta prevé un investimento concreto de 2,8M€ nesta ruta

Vilamartín de Valdeorras (Ourense), 27 de febreiro de 2026

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, acompañado polo director de administración e relación coas asociacións do Amigos do Camiño de Santiago, Ildefonso de la Campa, inaugurou esta mañá en Vilamartín de Valdeorras a nova senda do Camiño de Inverno que discorre ao longo de 1,3 km mellorando a seguridade dos peregrinos cunha pasarela que os afasta da vía do tren e tamén da Estrada local. Turismo de Galicia investiu nesta actuación 190.000 euros.

Xosé Merelles comprobou como se mellorou o trazado do Camiño a través dunha senda destinada con carácter exclusivo a viandantes e bicicletas na contorna fluvial, aproveitando tamén a vexetación existente que proporciona sombra e descanso ao peregrino. Segundo explicou o director de Turismo de Galicia, “esta actuación enmárcase no traballo que leva anos realizando a Xunta de Galicia para mellorar a experiencia de peregrinación, con medidas de acondicionamento do Camiño de Santiago e tamén para blindar a seguridade de camiñante, aloxando os trazados de estradas e vías do tren”. “A senda beneficiará aos preto de 3.000 peregrinos que anualmente percorren o Camiño de Inverno, pero tamén aos veciños”, afirmou.

Xosé Merelles destacou ademais que a Xunta está a desenvolver o Plan Director de Seguridade no Camiño de Santiagoo que suporá un investimento concreto de 2,8M€ no Camiño de Inverno. Os trámites destas últimas actuacións nesta ruta xa se iniciaron.

A nova senda de Vilamartín de Valdeorras

A nova senda discorre de xeito paralelo ao anterior tramo, entre a vía do tren Vigo-Ponferrada e o río, pero achégase máis ao río. No seu conxunto, ten unha lonxitude de 1.296 metros con pavimento de xabre procedente de canteira da comarca de Valdeorras e bordillo de laxas de lousa con cortes rústicos.

Ademais, renovouse a pasarela existente e a nova ten unha lonxitude de 6 metros de largo e 1,80 metros de ancho, permitindo sortear o regato da Folgueira. A actuación inaugurada continuará con outras melloras previstas no Camiño de Inverno  enmarcadas no Plan Director de Seguridade Viaria no Camiño. “Nestes momentos, vimos de publicar no Diario Oficial de Galicia pola o inicio do trámite de información pública o proxecto de trazado e construción de 12 treitos comúns no Camiño de Inverno que afectan aos concellos de Carballeda de Valdeorras, O Barco de Valdeorras, A Rúa, Quiroga, Monforte de Lemos, Chantada, Rodeiro e Lalín.

O Camiño de Inverno foi percorrido en 2025 por case 3.000 persoas, dos cales o 34% eran de procedencia internacional, procedentes sobre todo de Portugal (5,9%), Italia (5%), Estados Unidos (2,9%) e Polonia (2,6%).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/02/2026