A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático participou hoxe en Vigo na xornada Astronomía para a eclipse e observación segura

Ángeles Vázquez avoga por comportamentos responsables e respectuosos co medio ambiente durante a observación da eclipse de agosto

Incide na importancia de respectar as restricións de acceso naquelas áreas protexidas que teñan limitacións de capacidade, así como de minimizar ruídos e iluminación artificial para non afectar á fauna

A Xunta xa constituíu unha comisión interdepartamental que está a abordar retos como mobilidade, prevención de riscos, oportunidades turísticas e de divulgación

A conselleira pon as rutas guiadas que cada ano organiza o Parque Nacional nos meses de febreiro a abril como exemplo do equilibrio entre o uso público e a preservación do patrimonio natural

Vigo, 28 de febreiro de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, fixo hoxe un chamando á poboación para ter comportamentos “responsables e respectuosos co medio ambiente” durante a observación da eclipse total de sol que terá lugar o vindeiro 12 de agosto.

Durante a súa intervención na xornada Astronomía para a eclipse e observación segura, a conselleira lembrou que Galicia será un “escenario privilexiado” para vivir este fenómeno astronómico histórico.

Con todo, cómpre adoptar algunhas medidas para garantir unha observación segura da eclipse e, de feito, a Xunta de Galicia xa constituíu unha comisión interdepartamental que está a abordar retos como a mobilidade, a prevención de riscos, oportunidades turísticas e de divulgación -como a celebrada esta mañá no centro de visitantes do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia-, etc.

Nese senso, a conselleira incidiu na importancia de “non deixar pegada” no medio ambiente durante esa xornada. Así apelou a que, ademais de usar as correspondentes lentes homologadas e a seguir as correspondentes pautas de seguridade, se reduza o mínimo o impacto na contorna e, en especial, nos espazos naturais –permanecer en carreiros habilitados, non pisar dunas, non achegarnos a cantís perigosos-.

A maiores, a representante autonómica sinalou como fundamental respectar as restricións de acceso naquelas áreas protexidas que teñan limitacións de capacidade, así como minimizar ruídos e iluminación artificial para non afectar á fauna.

A observación da eclipse total de sol será unha “oportunidade estratéxica” para consolidar a Comunidade como destino dun turismo sostible, responsable e de calidade. “Un dos mellores exemplos da Galicia Calidade é o compromiso de combinar o desfrute dun fenómeno histórico co respecto ao noso patrimonio natural, ambiental e cultural”, subliñou Ángeles Vázquez.

Descubrindo o Parque Nacional

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático puxo hoxe as rutas guiadas que cada ano organiza o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia nos meses de febreiro a abril como exemplo do equilibrio entre o uso público e a preservación do patrimonio natural.

De feito, esta mañá Ángeles Vázquez saudou no porto de Bueu aos participantes na primeira ruta da edición deste ano desa iniciativa, que se celebra no marco do programa Descubrindo as Illas Atlánticas e que busca promover a desestacionalización das visitas ao Parque Nacional. En concreto, no día de hoxe a ruta guiada desenvolveuse en Ons e baixo a denominación A illa e o mar achegará aos visitantes a lugares pouco coñecidos do arquipélago.

Nesa liña, a conselleira salientou que é unha oportunidade “inmellorable” para achegarse aos arquipélagos de Cíes, Ons e Cortegada dun xeito ordenado, sostible e da man do equipo de guías do Parque Nacional, que son quen mellor coñece os valores ambientais, culturais e etnográficos deste espazo natural protexido. 

Para concluír, Ángeles Vázquez puxo en valor a boa acollida que esta iniciativa ten entre a poboación xa que cada ano por estas datas detéctase un interese maior por participar nestas actividades. Desde a súa posta en marcha pola Xunta no ano 2014, participaron neste programa máis de 1.600 persoas e as 100 prazas dispoñibles para este ano xa están reservadas, aínda que hai habilitada unha lista de agarda, por se houbera posibles desestimentos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/02/2026