A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou actuacións acometidas con estes apoios en Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón e O Incio
Ángeles Vázquez pon como exemplo do interese polas axudas de ‘fermosismo’ o feito de que o primeiro día xa se recibisen o 70% das solicitudes totais
Outra proba da boa acollida desta liña de financiamento é que nos primeiros 16 minutos xa se recibiu o número de peticións preciso para esgotar o crédito, de concederse todas
Este é o sexto ano que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático aposta polas axudas para a corrección de impactos paisaxísticos dirixidas a particulares
A conselleira fixo fincapé na provincia de Lugo como exemplo de compromiso co fermosismo xa que o ano pasado concentrou o 41% das concesións de axudas de toda Galicia e este ano preto do 30% das solicitudes proceden de municipios lucenses
Monforte de Lemos (Lugo), 27 de febreiro de 2026
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo como exemplo do interese polas axudas da Xunta para promover o fermosismo o feito de que o primeiro día en que se abriu o prazo xa se recibisen o 70% das solicitudes totais.
En concreto, segundo explicou hoxe a conselleira en Monforte de Lemos, das case 1.700 peticións recibidas, máis de 1.200 chegaron o primeiro día. Outra proba da boa acollida desta liña de financiamento é que “nos primeiros 16 minutos xa se recibiron o número de solicitudes preciso para esgotar o crédito, de concederse todas”, engadiu Ángeles Vázquez.
Estas cifras confirman o éxito que teñen entre os cidadáns unhas axudas polas que a Xunta leva anos apostando pola cultura do fermosismo, garantindo o seu apoio económico aos propietarios particulares na execución de pequenas intervencións e reformas que teñen un impacto visual moi positivo sobre a contorna e a paisaxe.
A convocatoria deste ano conta cun orzamento global de 2 millóns de euros, o dobre que en 2025. Por iso, e tendo en conta que o ano pasado se concederon 348 axudas deste tipo, a previsión da Consellería é que se poida chegar a atender arredor de 700 solicitudes en toda Galicia.
Cómpre lembrar que este é o sexto ano consecutivo que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático aposta polas axudas para a corrección de impactos paisaxísticos dirixidas a particulares.
No marco das convocatorias efectuadas no período 2021-2025, concedéronse preto de 7 millóns de euros que permitiron axudar a máis de 2.500 familias a efectuar actuacións en inmobles localizados en 279 municipios galegos (é dicir, case o 90% do total).
En todo caso, o investimento mobilizado nestes cinco anos estímase que supera os 12 millóns de euros, tendo en conta tanto as achegas directas da Xunta (que cobren ata o 70% do orzamento subvencionable de cada actuación) como os fondos aportados polos cidadáns para completar o custo total das obras.
Durante a súa visita a unha actuación acometida ao abeiro destas axudas en Monforte de Lemos, a conselleira fixo fincapé na provincia de Lugo como exemplo de compromiso co fermosismo. O ano pasado concentrou o 41% das concesións de axudas de toda Galicia e este ano preto do 30% das solicitudes proceden de municipios lucenses.
E, desde que o Goberno galego puxo en marcha esta iniciativa, na provincia de Lugo concedéronse preto de 2,3 millóns de euros de axudas, que mobilizaron máis de 4,5 millóns de euros para a execución de 802 actuacións en 63 concellos.
Actuacións en Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón e O Incio
Nesa liña, Ángeles Vázquez visitou hoxe a actuación acometida nunha vivenda en Monforte de Lemos, a través da que o seu propietario mellorou a fachada utilizando a coñecida como técnica do esgrafiado -decoración con debuxos en cal-, que figura na Guía de cor e materiais de Galicia como unha mostra de auténtico arte popular, habilidade e creatividade dos artesáns.
A maiores, a conselleira visitará esta tarde outras dúas vivendas nas que tamén se levaron a cabo ao abeiro destas axudas nos municipios da Pobra de Brollón e O Incio. En ambas as dúas vivendas se reformaron as fachadas. No primeiro caso executouse un revestimento con morteiro e no segundo fíxose un rexuntado da pedra.