A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López, interveu na Xornada de Medicina Rural da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia
A Xunta aposta pola innovación e a atención domiciliaria para fortalecer a medicina rural como base da sanidade pública galega
As novas tecnoloxías facilitan un seguimento continuo da situación clínica dos pacientes, achegando seguridade e atención personalizada, especialmente no rural
Ribadavia (Ourense), 27 de febreiro de 2026
A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Sofía López, resaltou a aposta da Xunta pola innovación e a atención a domicilio para fortalecer a medicina rural como base da sanidade pública.
Así o indicou nas súas palabras durante o acto de apertura institucional da Xornada de Medicina Rural da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia, que comezou hoxe en Ribadavia.
A directora xeral referiuse á atención primaria do Servizo Galego de Saúde como o gardián da equidade e garante dos coidados. “É un nivel asistencial que non só trata, senón que acompaña as persoas en todos os ámbitos da súa vida”, valorou.
Como exemplos de accións da Xunta na modernización da atención primaria citou a implantación progresiva da intelixencia artificial ou a actualización da historia clínica electrónica, na súa versión IANUS 5, que pasa de rexistrar o historial do paciente a facilitar a anticipación por parte dos profesionais sanitarios.
“O seguimento continuo da situación clínica dos pacientes aporta seguridade e avanza cara a ese modelo de atención máis humana e personalizada que defendemos”, indicou Sofía López.
Por iso, recoñeceu o papel de médicas e médicos de familia, “cuxa figura no rural transcende á atención clínica”.
O subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería de Sanidade, Benigno Rosón, participou tamén nestas xornadas, nas que presentou, como caso de éxito, o modelo de telemedicina no rural galego do Servizo Galego de Saúde, coa plataforma de telemonitorización de pacientes TELEA.