A Xunta destina no período 2025-2026 máis de 82.000 € a apoiar o concello de Melide na mellora dos seus camiños rurais
A conselleira María José Gómez visitou esta tarde actuacións realizadas neste municipio ao abeiro do Plan Camiña Rural do seu departamento e destinadas á adecuación do acceso ao lugar de Lobeiro, na parroquia de Maceda
A principios de xaneiro a Xunta publicou unha nova convocatoria destas achegas, para o período 2026-2027, cunha dotación total de preto de 19 millóns de euros para o conxunto dos concellos galegos
Como resumo do feito ata o de agora, desde 2016, e unha vez se completen os traballos da convocatoria anterior, Medio Rural terá actuado nuns 6.700 camiños, cunha lonxitude de arredor de 5.200 km e un investimento de case 156 M€
Melide (A Coruña), 27 de febreiro de 2026
A Xunta destinou algo máis de 82.000 euros, entre as anualidades de 2025 e 2026, a apoiar o concello de Melide na mellora dos seus camiños rurais. Así o destacou esta tarde a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na súa visita ás obras de adecuación do acceso ao lugar de Lobeiro, na parroquia melidense de Maceda. Estas actuacións enmárcanse no Plan Camiña Rural, que vén desenvolvendo o Goberno galego dende hai anos para subvencionar os municipios no que atinxe á ampliación ou mellora de camiños que formen parte da rede viaria de acceso a unha ou varias entidades de poboación.
Por ampliación enténdense todas aquelas intervencións que incidan na mellora da seguridade viaria, que permitan o cruce de vehículos ou alargamentos necesarios en zonas de curvas, de baixa visibilidade ou entroncamentos. As melloras tradúcense no reforzo do firme existente, na mellora da drenaxe ou -tamén- da seguridade viaria, na adecuación de obras de paso de cursos fluviais e reforzo de cunetas, así como na integración ambiental ou na mellora da sinalización, entre outras.
A finalidade última do Plan Camiña Rural é apoiar os concellos na mellora das súas vías, unhas infraestruturas claves na dinamización social e económica do agro, na medida en que contribúen a vertebrar o territorio, tal e como salientou a conselleira nesta visita de hoxe.
Nova convocatoria para 2026-2027
Cómpre lembrar, precisamente, que a principios de xaneiro a Xunta publicou unha nova convocatoria destas achegas, para o período 2026-2027, cunha dotación total de preto de 19 millóns de euros. A convocatoria permanece aberta e os concellos teñen de prazo ata o vindeiro día 5 de marzo para formalizar a solicitude destas axudas, definindo tamén os camiños nos que propoñen actuar.
A modo de resumo do realizado ata o de agora nesta materia, desde 2016, e unha vez se completen os traballos da convocatoria anterior, a Consellería do Medio Rural terá actuado en case 6.700 camiños, cunha lonxitude, en conxunto, de arredor de 5.200 quilómetros e un importe total de investimento de preto de 156 millóns de euros.