A Xunta destaca a aposta por unha administración que ofrece estabilidade laboral, emprego ben remunerado e a posibilidade de mellorar na traxectoria profesional

A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, Nuria Aguilar, participou nun dos obradoiros de Saídas Profesionais, organizados na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo da Universidade de Vigo

Subliñou a convocatoria periódica e continua de procesos selectivos para afrontar o reto da remuda xeracional e renovar, nos vindeiros 10 anos, o 40 % dos efectivos de persoal da administración autonómica

Ourense, 2 de marzo de 2026

A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, Nuria Aguilar, destacou hoxe o compromiso da Xunta cunha Administración capaz de ofrecer estabilidade laboral, emprego ben remunerado e a posibilidade de mellorar na traxectoria profesional.

Durante a súa participación nun dos obradoiros de Saídas Profesionais organizados na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo da Universidade de Vigo, a directora de Emprego Público subliñou como o Goberno galego está a transformar a Administración, as convocatorias de procesos selectivos de administración xeral que se están a realizar, así como os corpos e escalas que mellor se adaptan ás competencias adquiridas nos graos impartidos polas universidades.

Nesta liña, lembrou que, unha vez rematados os procesos selectivos de estabilización convocados para a redución da temporalidade no emprego público, a Xunta está a realizar convocatorias periódicas e continuas de probas selectivas. “Así mesmo, implantamos a carreira profesional do persoal funcionario e o complemento de desempeño do persoal laboral, co fin de recoñecer o traballo e esforzo do persoal empregado público e de contar con persoal motivado que preste servizos de calidade á cidadanía”, engadiu.

Remuda xeracional

Ao longo da súa intervención, Nuria Aguilar fixo fincapé en que, nos últimos anos, estase a desenvolver de forma planificada a convocatoria periódica e continua de procesos selectivos para afrontar o reto da remuda xeracional. Non en van, nos vindeiros 10 anos haberá que renovar o 40 % dos efectivos de persoal da administración autonómica.

Para abordar este reto, recordou que nos anos 2023 e 2024 convocáronse un total de 49 procesos selectivos con máis de 1.700 prazas, no ano 2025 convocáronse 30 procesos con máis de 1.200 prazas e, nas vindeiras semanas, comezaranse a publicar as convocatorias de procesos selectivos correspondentes ao ano 2026, nas que se incrementará significativamente o número total de prazas convocadas.

A directora xeral de Emprego Público concluíu salientando que nos últimos anos, antes de comezar a publicación no DOG das convocatorias de procesos selectivos, o Consello da Xunta aproba o calendario de primeiros exercicios destes procesos, o que permite traballar coa máxima previsión posible a efectos de preparación dos exames.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/03/2026