A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe os traballos de acondicionamento da estrada ao paso por Ourol

A Xunta avanza nas obras de mellora da capacidade e seguridade na estrada LU-540 entre Viveiro e Ourol, nas que inviste un orzamento de 8,2 M€

O Goberno galego está a executar a mellora integral dun treito de 15,5 quilómetros deste viario, entre Viveiro e Ourol, que inclúe a rectificación de curvas, novos carrís, mellora de interseccións e o acondicionamento de firme en todo o tramo

Allegue destacou que a actuación redundará na mellora da competitividade territorial das comarcas da Mariña e a Terra Cha

A conselleira pon en valor a aposta da Xunta pola seguridade viaria con actuacións de mellora como a da LU-540 e o investimento histórico neste 2026 en conservación e mantemento de estradas, de 71,6 M€

Ourol (Lugo), 3 de marzo de 2026

A Xunta avanza nas obras de mellora da capacidade e seguridade da estrada autonómica LU-540 entre Viveiro e Ourol, nas que inviste un orzamento de 8,2M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe os traballos que se desenvolven neste viario ao paso polo concello lucense de Ourol.

Allegue puxo en valor o investimento do Goberno galego en materia de seguridade viaria co exemplo desta actuación de mellora da capacidade e funcionalidade na LU-540. En concreto, estase a actuar nun treito de 15,5km, polo que discorren unha media de máis de 3.000 vehículos diarios. A intervención inclúe, entre outras actuacións, a rectificación de curvas, novos carrís, a mellora de interseccións e o acondicionamento do firme en todo o tramo.

Na actualidade, están executados en torno a un 50% dos traballos previstos, e rematarase nos vindeiros días os movementos de terras, así como as tarefas de drenaxe transversal, e está lista a rehabilitación estrutural do firme na maior parte do trazado. O obxectivo é mellorar a capacidade e a seguridade deste viario, de xeito que se  poderá circular a 90 km/h unha vez rematadas as obras do tramo.

A conselleira destacou que a actuación beneficiará ás poboacións de Ourol e Viveiro, pero tamén ás de Muras e Xermade, “polo que redundará na mellora da competitividade territorial” das comarcas da Mariña e a Terra Cha.

Neste senso, incidiu na aposta da Xunta para seguir vertebrando a comunidade con infraestruturas cómodas e modernas “para seguir avogando por esa Galicia calidade”.

Allegue lembrou que as condicións climatolóxicas especialmente adversas deste inverno amosan a importancia dunha “folla de ruta” como a da Xunta, con planificación e a dotación de recursos para conservación e mantemento das estradas.

Destacou que desde o 1 de xaneiro e ata o 15 de febreiro a Xunta resolveu máis de 1.000 incidencias, en gran medida por este investimento en materia de conservación, este ano cunha dotación orzamentaria récord de 71,6M€.  Recordou que a Xunta adxudicou os contratos para desenvolver a conservación, vialidade invernal e revisión de estruturas de paso por 175M€ para catro anos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/03/2026