A Xunta avanza no proceso de escoita da futura estratexia de protección das persoas consumidoras da man das entidades Adicae e Acouga

A Coruña, 3 de marzo de 2026

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, xunto coa xerente do Instituto Galego de Consumo e da Competencia, Sol Vázquez, reuníronse  hoxe con representantes tanto da Asociación de Usuarios de Bancos, Caixas e Seguros (Adicae) como da Asociación Galega de Consumidores e Usuarios Acouga para abordar distintos aspectos relacionados coa nova Estratexia de protección das persoas consumidoras e usuarias. Este encontro enmárcase no proceso participativo e de escoita activa coas organizacións de persoas consumidoras e usuarias para lanzar a nova folla de ruta en correspondencia cos pasos que se están a dar a nivel europeo e nacional.

Neste sentido, súmase ás reunións celebradas con representantes da Federación Galega de Asociacións de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios Brétema, da Unión de Consumidores de Galicia, da Federación Galega Euroconsumo e de Facua Galicia, entre outras. Tamén forma parte da colaboración da Xunta con estas entidades a prol da atención ás persoas consumidoras. Neste ámbito, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, conta con oficinas de atención presencial nas sete principais cidades galegas así como co teléfono de balde 900 23 11 23, que funciona de 9,00 a 14,00 h. e de 17,00 a 19,00 h. de luns a venres para ofrecer información e asesoramento en materia de consumo. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/03/2026