A Xunta ten aberto o prazo de solicitude das axudas para adquirir taxis adaptados, eco ou de emisións cero

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que a contía pode chegar aos 1.000 euros para os vehículos de baixas emisións; 4.000 euros no caso de emisións cero e ata 10.000 euros para coches accesibles a persoas con mobilidade reducida

Lugo, 3 de marzo de 2026

A Xunta ten aberto o prazo de presentación de solicitudes das axudas deste ano para adquirir taxis adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos de baixas emisións – Eco - ou de emisións cero.

O delegado territorial, Javier Arias, informou hoxe sobre a nova convocatoria deste programa da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, que en 2025 apoiou a compra de seis taxis Eco na provincia de Lugo.

Durante un encontro con dous beneficiarios da capital lucense, Arias explicou que a actual orde está dotada con 500.000 euros e as axudas poden solicitarse ata o día 14 de outubro ou ata o esgotamento do crédito.

O Goberno galego apoia desde hai anos aos profesionais do taxi, un sector que na cidade de Lugo conta con 69 licenzas.

As achegas son de ata 1.000 euros para os taxis de baixas emisións; 4.000 euros no caso de vehículos de emisións cero e 10.000 euros para coches adaptados e accesibles a persoas con mobilidade reducida.

A medida vai dirixida ás persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade ou polos servizos de Mobilidade competentes.

A Administración autonómica leva investidos máis de 6 millóns de euros dende o ano 2016 nestes incentivos, co obxectivo de fomentar unha mobilidade accesible e sostible no transporte público.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/03/2026