A Xunta activa desde o 3 de agosto dúas novas liñas de autobús en Poio a través dun convenio co Concello

O acordo habilita unha liña entre a Ponte da Barca e o mosteiro de San Xoán de Poio e outra que conecta Alto Dorrón e o Mosteiro de San Xoán de Poio

As liñas realizarán un servizo de ida e outro de volta de luns a venres non festivos durante todo o ano en horarios de mañá

A Xunta aplicará as tarifas e bonificacións activas no transporte público autonómico, que permite viaxar de balde a menores de 21 e a maiores de 65 anos

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2026

A Xunta activa desde o 3 de agosto dúas novas liñas de autobús en Poio que amplían a oferta de servizos de transporte público no municipio. Ao abeiro do convenio de colaboración asinado co Concello de Poio para a posta en marcha dun servizo de interese municipal (SIMU), as novas liñas conectarán diversos puntos do municipio e ofrecerán durante todo o ano un servizo de ida e outro de volta de luns a venres, en días non festivos.

A primeira ruta conectará a Ponte da Barca co mosteiro de San Xoán de Poio. Durante a tempada estival, a poboación do Concello de Poio terá á súa disposición un servizo de ida con saída da Ponte da Barca ás 09,20 horas e un no sentido contrario ás 12,00 horas. Entre os meses de setembro e xuño, a ida atrasarase ás 09,40 horas e a volta ás 12,40 horas.

Pola súa parte, a segunda liña facilitará a mobilidade entre a parada Alto Dorrón (na parroquia de Samieira) e o mosteiro de San Xoán de Poio. Nos meses de xullo e agosto, crearase un servizo de ida con saída programada ás 10,10 horas desde Alto Dorrón e un de volta ás 12,50 horas. No período comprendido entre setembro e xuño, o horario de saída será ás 10,30 horas para o sentido de ida e ás 13,30 horas para a volta.

O convenio asinado manterá a súa vixencia durante catro anos e poderá ser obxecto de prórroga por un período máximo adicional doutros catro anos. O Concello de Poio asumirá a responsabilidade do financiamento do SIMU con ao redor de 69.000 euros.

A Xunta aplicaralles ás novas liñas o sistema tarifario vixente no conxunto da rede galega de transporte público. En consecuencia, as persoas usuarias poderán acollerse ás vantaxes previstas no sistema de bonificacións que o Goberno galego teña en vigor. Entre elas inclúese a gratuidade de ata 60 viaxes mensuais para as persoas menores de 21 anos mediante o uso da Tarxeta Xente Nova, así como a mesma bonificación para as persoas maiores de 65 anos a través da Tarxeta da Mobilidade de Galicia, coa aplicación da tarifa +65.

A implantación deste SIMU ten como obxectivo prioritario darlle resposta ás necesidades de mobilidade de carácter local no concello de Poio, en particular, ás poboacións das parroquias e das localidades costeiras.

A información actualizada sobre os servizos estará dispoñible para a súa consulta no portal web mobt.xunta.gal.

Data de actualización: 27/07/2026