A Xunta mellora o sistema de financiamento local a través da nova Lei de Administración Local de Galicia para dar resposta ás demandas do municipalismo galego

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, defende no Parlamento galego que co novo sistema a Xunta pretende mellorar a suficiencia financeira das entidades locais ante a inacción do Goberno central e pese a que se trata dunha competencia estatal

Resalta o compromiso da Administración autonómica cos concellos galegos cun investimento este ano de 670M€, o que supón 30M€ máis que en 2025 e a cifra máis alta da historia

Incide en que con esta norma Galicia será a única comunidade en abordar de xeito integral os retos do século XXI do eido local, como o demográfico, con ferramentas innovadoras

Pon en valor que o anteproxecto é froito dun proceso participativo, amplo e rigoroso que recolleu a postura de diversos expertos a través de distintos estudos, congresos e actividades

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2026

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, defendeu hoxe no Parlamento galego que o anteproxecto da Lei de Administración Local de Galicia (Lalga), que está actualmente en tramitación, inclúe entre as principais novidades a mellora do sistema de financiamento local, ante a inacción do Goberno central e pese a tratarse dunha competencia estatal. Nesta liña, en resposta a unha pregunta parlamentaria, indicou que coa reforma do modelo de financiamento local se establecese unha nova regulación da participación das entidades locais nos tributos autonómicos, dándolles resposta ás demandas do eido local. Ademais, incorpóranse criterios como a dispersión xeográfica e o envellecemento da poboación.

Natalia Prieto incidiu en que desta maneira o Goberno galego pretende mellorar a suficiencia financeira dos concellos co incremento tanto dos fondos incondicionados para as necesidades que decidan os municipios e tamén da garantía de mínimos, que aumenta en 20 millóns de euros respecto ao modelo actual. Ademais, engadiu que se garantirá un reparto dos recursos máis equitativo e que a participación das entidades locais nos tributos autonómicos evolucionará na mesma porcentaxe que os ingresos da comunidade.

Pese a que, como insistiu a directora xeral, o financiamento local é unha competencia estatal, destacou que o compromiso da Xunta coas entidades locais supuxo un investimento de 670 millóns de euros, case 30 millóns que 2025 e a cifra máis alta da historia. Neste importe, inclúese o Fondo de Cooperación Local que medra en 20 millóns de euros respecto ao ano pasado, ata acadar os 187 millóns de euros.

Na súa intervención lembrou que a futura lei é pioneira porque Galicia é a única comunidade que aborda de maneira integral nunha única norma todas as dimensións clave da Administración local do século XXI e dota ás entidades locais de ferramentas eficaces coas que afrontar desafíos como o reto demográfico, a transformación dixital ou a sustentabilidade financeira.

Atención ao reto demográfico

Nesta liña, sinalou como unha das novidades máis significativas o establecemento dun  réxime especial para municipios en situación de reto demográfico. Trátase dun estatuto específico deseñado para ofrecer un apoio reforzado aos municipios máis vulnerables pola súa dinámica poboacional. Natalia Prieto apuntou que esta nova regulación atende unha demanda que o Goberno galego leva tamén anos facéndolle ao Estado co obxectivo de darlle resposta á realidade dos concellos en risco de despoboación.  

Ademais das novidades relacionadas co sistema de financiamento local, a directora xeral de Administración Local, puxo en valor que o anteproxecto recolle medidas relacionadas coa clarificación e reordenación das competencias locais sen crear novas e ofrecendo seguridade xurídica. Tamén fixo referencia ao reforzo do papel das deputacións provinciais apostando por unificar a actuación das catro deputacións para evitar diferenzas entre concellos ou reforzando a asistencia aos municipios máis pequenos.

No que se refire á cooperación intermunicipal destacou as mancomunidades de municipios e  novos mecanismos como as áreas funcionais de carácter temporal ou as agrupacións en materia de persoal. Por último, lembrou que se inclúen outras novidades relacionadas coa organización interna ou coa modernización da xestión mediante o uso de sistemas de intelixencia artificial para situar á administración local galega á vangarda grazas ao uso da innovación pero sempre garantindo os dereitos da cidadanía.

Natalia Prieto fixo fincapé en que o actual anteproxecto é froito dun proceso participativo, amplo e rigoroso que contou con distintos estudos, congresos e actividades dirixidas a recoller a visión de expertos, técnicos e representantes do eido local -incluíndo funcionarios de administración local con habilitación nacional-, académicos das tres universidades galegas, economistas e a cidadanía en xeral. Así, engadiu que unha vez aprobado como proxecto de lei, iniciarase a tramitación parlamentaria da norma.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/03/2026