Preto de 1.000 docentes intercambian experiencias e boas prácticas no encontro anual do plan de mellora de bibliotecas escolares

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa agradece ao profesorado a súa implicación para consolidar estes espazos como referencia de calidade en España

Participan expertos como Daniel Cassany, que aborda o impacto da IA, así como Piu Martínez e Eva Mejuto, especialistas en mediación lectora e álbum ilustrado

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2026

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, inaugurou hoxe no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago o encontro anual do Plan de mellora de bibliotecas escolares no que participan os 903 centros integrados nesta iniciativa. A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP sinalou este programa como o principal da Xunta neste eido, cun investimento este curso de máis de 1,7 M€, e agradeceu aos pretos de 1.000 docentes asistentes a súa implicación “para que as bibliotecas escolares galegas continúen consolidándose como referentes de calidade en España”.

A este respecto cómpre salientar que, segundo os datos do Ministerio de Educación, Galicia é a comunidade líder nesta materia. Practicamente a totalidade dos centros educativos galegos (o 98,2%) teñen biblioteca,  15,7 puntos por riba da media estatal (que é do 82,5%). Ademais, as bibliotecas galegas son as que máis facilitan o acceso ás familias: o 62% casos están abertas á súa participación, mentres que a media de España é do 36,3%.

Ao longo de toda a xornada, os coordinadores de bibliotecas asistentes participan en diferentes obradoiros para intercambiar experiencias e boas prácticas en relación á actividade diaria destes espazos. Deste xeito, abórdanse cuestións como o día a día na biblioteca dun centro integrado no plan de mellora ou o funcionamento de iniciativas como Radio na Biblio, Lectura e Familias, Bibliotecas Escolares Solidarias ou o Concurso de Traballos por proxectos, entre outros. A maiores, o programa inclúe unha mesa sobre o traballo desenvolvido nas bibliotecas escolares dos centros do rural así como sobre a creación de microredes de bibliotecas escolares.

De xeito paralelo, ofrécense tres relatorios de expertos. O inaugural corre a cargo de Daniel Cassany, profesor titular da Universidade Pompeu Fabra e especialista na área de didáctica da lingua e análise do discurso, que afonda no impacto que comeza a ter a intelixencia artificial nas prácticas lectoras e na educación. Pola súa banda Piu Martínez, especialista en mediación lectora e álbum ilustrado, ofrece unha panorámica das principais voces do deseño europeo e americano desde mediados do século XX ata a actualidade.

Ademais Eva Mejuto, especialista en mediación lectora, literatura infantil e álbum ilustrado, ademais de autora de diversas publicacións sobre Begoña Caamaño, repasa na súa conferencia as lecturas e obras da  homenaxeada no Día das Letras Galegas deste ano, así como os libros que se están a publicar ao respecto. O encontro remata cunha intervención musical a cargo de Olga Andrés, mestra e cantautora con algúns dos temas senlleiros que marcaron a vida de Begoña Caamaño.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/03/2026