A Xunta avanza na ampliación do Parque Empresarial de Toedo (A Estrada) co inicio da tramitación para comezar coas expropiacións dos terreos

A empresa Calixto Escairiz S.L. será a encargada de realizar os traballos 

A Xunta incrementará en 156.685 metros cadrados a superficie actual desta infraestrutura, que conta cun orzamento global de máis de 13 millóns de euros

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2026

O Consello de Administración de Xestión do Solo de Galicia – Xestur vén de adxudicar á empresa Calixto Escaríz S.L. o contrato de redacción do proxecto de expropiación da ampliación do parque empresarial de Toedo-A Estrada (Pontevedra), que permitirá case duplicar a súa superficie actual ao sumar 156.685 metros cadrados máis.

Coa contratación do proxecto de expropiación, o Goberno galego dálle un novo pulo ao proceso de ampliación do parque empresarial de Toedo, co fin de atender a demanda dos empresarios da comarca de Tabeirós-Terra de Montes de contar con máis solo empresarial para impulsar a implantación de novas industrias ou que as existentes poidan incrementar as súas capacidades produtivas. 

Deste xeito, o Goberno galego está a promover diferentes proxectos para dotar a provincia de Pontevedra de preto de tres millóns de metros cadrados máis de solo industrial. Ademais do parque empresarial de Toedo (A Estrada), actualmente encóntranse en tramitación os PEOSE do parque empresarial de Fragamoreira (Poio), o de Louredo (Mos-Redondela), a ampliación do parque empresarial de O Pousadoiro (Vilagarcía de Arousa), a Fase II do Campiño (Pontevedra) e a ampliación da MI da PLISAN.  

Ademais, encóntrase en tramitación o proxecto de urbanización da Fase IV de Lalín 2000 e o proxecto de reurbanización da Central de Transportes e Terminal Intermodal de Ponte Caldelas. En total, suman máis de 2,7 millóns de metros cadrados de solo empresarial que se sumarán nos próximos anos á oferta de terreos para o asentamento de novas iniciativas industriais.

Data de actualización: 05/03/2026